Asistimos a unha especie de revolución na que a absolución se nega por simple desconformidade coas leis civís. E o peor é que nesta deriva estase operando unha volta ó Deus do Antigo Testamento, aquel que perdoaba a cambio de prebendas, todo o contrario do Fillo que predicaba a man tendida e a solidariedade, pois mentres aquel asolaba cidades enteiras para castigar ós pecadentos ou esixía grandes sacrificios como mostra de adhesión e submisión Xesús perdoaba e recomendaba a Deus o de Deus e a cada quen o seu.
É difícil entender que de tal pai saíse tal fillo, pero máis difícil de entender é que os representantes da divindade, no nome de Cristo executen coas normas daquel. A última, coñecida pola prensa, foi a de negarlle a un home a sepultura nun cemiterio parroquial onde el tiña o seu panteón familiar, por vivir cunha muller sen estar casados; e un que non sabe de teoloxías nin canons eclesiásticos, non entende por que se lle nega a un finado esa obra de misericordia que eles mesmos predican: enterrar ós mortos.
Xa é a terceira noticia que teño de cregos actuais que se negan a bautizar a un recén por non estar seus pais casados pola Igrexa, aínda que sexan matrimonio recoñecido polas leis do Estado e cumpridores cos seus deberes de bos cidadáns. ¿Non é iso negarlle autoridade á lexislación e á constitución?. ¿E se unha muller solteira ten un fillo tampouco pode bautizalo?.
Eu tamén estou de acordo en que, se non es socio non tes dereito a voz nin a voto, pero é que nestes casos non se están aplicando os estatutos por igual a todos.Calquera lembra figuras fundamentais da nosa historia, que a pesar de nacer fora do matrimonio foron bautizados, incluso en tempos da Inquisición, e aceptados dentro do seo da Igrexa, porque tiñan padriños, sen embargo, a nova clase sacerdotal tomou moi a peito iso de ser os representantes de Deus na terra. Para eles é máis digno de entrar no ceo o fillo dun cura (non pretendo ofender pero é un caso que xa se deu e pode volver a darse) có dun matrimonio legal.
Agora si, se o fillo dun musulmán ou dun xudeu pide bautismo, pásase por alto a crenza dos pais. A verdade é que non entendo a diferencia. Ou enténdoa pero deixo que cada quen saque a súa conclusión. O perigoso é cando a negativa nun caso e a aceptación noutro só vai contra o neófito para castigar ós proxenitores.
Tampouco entendo por que se lle nega sepultura relixiosa a un presunto suicida, porque ninguén sabe se no derradeiro intre pediu perdón polo que facía, e se Deus o perdoa, non creo que o párroco teña máis autoridade que Deus para negarlle o camposanto, como a calquera bo cristián.
Baixo estes conceptos, e esta oposición a todo o que emana das leis civís, non tardaremos en ver como se lle nega a sepultura a un infeliz por ter a mala sorte de morrer de repente, pois non tendo tempo de confesar, non faltará quen o supoña morto en pecado.