Homenaxe á oralidade

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Freixanes afondou en Noia no seu novo libro

27 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Víctor F. Freixanes empezou a súa intervención en Noia confesando o a gusto que se sente cando acude a actos organizados por Barbantia, asociación á que puxo de exemplo en Galicia por manter a chama da cultura prendida permanentemente. E abofé que quedou de manifesto esa empatía porque Xerardo Agrafoxo, Isabel Santos, Encarna Pego e Antón Riveiro Coello, directivos da entidade aos que correspondía facer as preguntas ao director da Editorial Galaxia, non precisaron máis de dúas formulacións porque o autor pontevedrés abriuse tanto que nas súas explicacións foi respondendo ás cuestións que aínda non lle fixeran.

Freixanes acudiu ao acto mensual de Barbantia, ao que foi convidado con motivo da publicación do seu novo libro, Cabalo de ouros, que chegou ao público 17 anos despois daquel A cidade dos césares, co que gañou o Premio Torrente Ballester do ano 1993.

Vinculación con Barbanza

A vinculación de Freixanes co Barbanza foi posta de manifesto por Agrafoxo, quen enumerou as obras do pontevedrés nas que hai referencias da zona, entre elas a mesma Cabalo de ouros, non en van está ambientada nos anos duros do estraperlo do wolfram, mineral que volve a explotarse en San Finx e que tanta repercusión tivo na economía soterrada nestas terras e noutras nas que había explotacións mineiras.

A pregunta de Isabel Santos, Freixanes explicou que no vocabulario da súa nova novela predominan termos e linguaxe populares, admitiu que, contrariamente ás esixencias idiomáticas que ten que manter na súa condición de editor, á hora de admitir libros para publicar, neste apostou por incorporar a maneira de falar da xente, especialmente da das rías, da que dixo que ten un vocabulario moi rico que non se debe perder.

O pontevedrés sinalou que os personaxes do libro, por non dicir todos, equivalen a persoas que existiron ou existen, coñecidas súas. Incluso sinalou que a trama do libro, que está baseada nunha partida de baralla que durou tres días e tres noites, corresponde a un feito real.

A muller na obra

Preguntado por Encarna Pego sobre a presenza da muller nesta nova obra, que empeza tendo un papel residual para acabar sendo clave, Freixanes dixo que non é casual, senón que intentou plasmar a realidade da posguerra, dominada por unha sociedade machista.

Tanto neste eido como na maior parte do acto celebrado en Noia, os interlocutores coidáronse de desvelar moitas claves da obra, co que conseguiron a bo seguro espertar o interese de aqueles que non a leran.

A modo de resumo, a formulación que lle fixo Antón Riveiro ben pode definir unha singularidade de Cabalo de ouros, que estamos diante dunha homenaxe á literatura oral, de feito o propio autor empeza o libro dicindo: «Isto é un canto de cego», aínda que en realidade non está escrito en verso, pero conta pasaxes populares como os que contaban os cegos polas prazas.