Noia, ¿en que cabeza cabe?

Ambrosio Casenada

BARBANZA

04 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Porque debemos considerar que non todo debe radicar na testa, que está ben para encornar, mais trátase de pensar, mellor usar a cabeza. Encornar é obstinarse en retirar a escollera do estuario de Noia por quen confunden as pedras con toneladas de esterco. É ir con estas a Madrid, coma os caciques de antano, para contarlle aos parentes que, para seguir de alcalde, hai que sanear a ría canto antes. Sobre todo, é emperrarse en que a tal fin fai falla quitar do sitio dúas ringleiras de croios, as cales catro toliños de Noia, con permiso de Madrid, decidiron, no seu día, colocar en paralelo ao longo das marxes que conforman o álveo final das augas do Tambre e do San Francisco, dende o peirao do Maqués ata a punta de Testal. A cabeza, en cambio, por simple que nos pareza, válenos para pensar por que será que a escollera foi a parar onde está, fai máis de 50 anos.

Dende logo que non foi que colocaran as pedras para a función que hoxe fan, e fixeron durante as últimas décadas: de protección do canal e dos bancos marisqueiros, para que non sexan estes colmatados polos residuos do crecemento da vila, cos que esta logrou alfombrar os fondos de ámbalas dúas ribeiras do estuario. Senón que aquela foi para preservar a navegabilidade deste polo canle natural. Que o proxecto orixinal se esquecera non quer dicir que non vale que haxa que recuperalo por xulgalo innecesario.

Se se sentencia o canal, nunca máis terá saída nin entrada polo mar un proxecto de turismo para Noia.