Aquel vello de Rianxo

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

25 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os funcionarios municipais encargados da contabilidade semellan botafumeiros, e non é para menos, xa que os partidos que son grupo de goberno apértanlles o parafuso para que amañen, como sexa, que non foron tan estragados como lles acusan e que teñen tanta ou máis capacidade de manobra, a pesares da crise, para prometer moitas máis cousas que antes de coñecerse que eramos máis pobres do que pensabamos, mentres que os da oposición, que non teñen esa ferramenta tan torticeira e doada de mangonear, tentan atopar algún curruncho onde facerlle as cóxegas. Cada quen deféndese ou ataca como pode.

Antes, cando os concellos manexaban catro perras chicas, os políticos recentemente saídos das urnas da xa non tan recente democracia vinculábanse máis cos problemas cotiáns dos veciños, tiñan máis tenrura no contacto persoal e humanizaban a sociedade sen necesidade de empedrar as rúas.

Lembro un día que estaba nunha cafetería cun alcalde de Rianxo e co secretario, Don Alfonso, falando da integración dos eivados cando entrou un paisano deses que debuxaba Castelao, dobrados polo legón, coa súa boina na man e a faciana desencaixada, pedindo falar coa máxima autoridade. Era pola tarde, o concello estaba pechado e el tiña un problema, o Estado ameazábao con embargarlle a casa por non pagar a contribución. As palabras do rexedor foron contundentes, ninguén lle privaría das catro paredes e, ademais, puxo á disposición do vello os servizos xurídicos do funcionario en cuestión. ¡Xa se poden imaxinar o estado de ánimo daquel home antes e despois da conversa!.

Agora os concellos son distintos. Cando non pagas un recibiño abusivo ou che denegan unha licenza de peche, notifícancho así: «Contra esta resolución, que é firme na vía administrativa, pode interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do órgano xudicial competente?.». Está claro o que nos queda tendo en conta que un preito deste tipo non baixa dos tres mil euros.