Felices Festas

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

28 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«No quiero ofender a los agnósticos, ateos y libre pensadores deseándote una Feliz Navidad, ni ofender tampoco a los cristianos y católicos deseándote un Feliz Solsticio de Invierno. Por todo ello, simplemente quiero decirte que te deseo lo mejor para el próximo año 2011, que se cumplan todos tus objetivos personales compartiendo generosidad y respeto hacia los demás. PROSPERO 2011».

Este é o texto dunha felicitación que recibín dunha persoa á que non coñezo persoalmente, pero que, asiduamente, me remite unhas marabillosas montaxes fotográficas, algunhas delas referidas a zonas de Galicia que coido fan máis publicidade que todas as oficinas de información turística da bisbarra, Mancomunidade de Arousa Norte incluída.

Está claro que tanto para os do «Feliz Nadal» como para os do «Feliz Solsticio de Inverno» estas datas teñen algo de máxicas, que se traducen nese consumismo que propician as campañas localistas de merca no teu concello e que logo rematan coas rebaixas e así ciclicamente, pero o sector do comercio segue sen levantar cabeza.

Agora ben, sendo a actividade comercial de tanta importancia para a economía, ¿deben ou non os poderes públicos intervir dalgún xeito na súa dinamización?.

Eu coincido coa compañeira columnista, Alicia Fernández, en que a Oficina do Plan Director do Comercio presentado en Boiro non é o xarope de Fierabrás que cura todas as doenzas e, máis aínda, saíndo das deputacións, polo que me puxen en contacto con Rosana Pérez, á que coñezo e aprecio, para que me debullase un pouco máis polo miúdo a iniciativa. Non estorba, ten boa intencionalidade e vai ben encamiñada, xa que supón que os emprendedores que plantexen proxectos innovadores, imaxinativos e realistas, poidan dispoñer dun financiamento que persoalmente non poderían asumir.

Seguindo coa miña teima na procura do agro galego, plantexeille se a miña vella reivindicación de levar máis aló do Padornelo os grelos e a tenreira galega de calidade podería ter cabida.

Pareceulle atinada, así que se algún campesiño de calquera dos concellos deste plan está interesado en analizar a súa viabilidade, convídoo, sen ánimo de lucro, a dicirlle de que vai. Felices Festas.