A idade do xúbilo

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

Convén comezar dicindo que, a pesares da crise financeira, o debate sobre as pensións en España non estaría na axenda política durante moitos anos se non fose polo desemprego, pero iso non quere dicir que, aínda nunha situación de emprego razoable ou de bonanza económica, o tema non debería ser tocado, senón todo o contrario, por varias razóns.

A primeira é que o noso sistema é inxusto, xa que non ten mellor pensión quen máis aporta en termos cuantitativos, como tampouco se entende que haxa que acreditar quince anos para acadar unha pensión nin que se perdan os anos que suban de trinta e cinco cotizados, ademais de non poder cobrar por enriba do que se chama pensión máxima e moitas outras imperfeccións.

A segunda é que sexa de reparto puro e duro. Por coñecemento propio penso que o máis axeitado é o sistema mixto que teñen en Suíza. Por certo, din que o mellor xubilado é o xubilado morto, e algo diso debe haber xa que o primeiro gobernante que creou un sistema público de pensións de reparto foi Otto Von Bismarck na Prusia de 1881, establecendo a xubilación nos 65 anos, cando o promedio de esperanza de vida nese país era de 45.

Agora ben, baixo a miña perspectiva, o problema máis gordo está no descoñecemento e falla de mentalización que a xente ten, porque así interesa politicamente, do sistema público de pensións e, sobre todo, a nula implicación no mesmo o que supón unha falla de corresponsabilidade que si se daría no caso de que, por exemplo, cada persoa se decatase de que facendo máis achegas serían propiedade garantida de cadanseu, revalorizables, rescatables ou transmisibles en herdanza como pasa cos plans de xubilación privados.

Tamén habería que aproveitar as sinerxías da mellor capacidade económica das persoas nas idades máis produtivas. En Chile, no que o sistema de pensións é completamente privado, calcúlase que un traballador ten garantida a súa pensión con 28 anos de cotización, o que desmonta a tese de prorrogar a idade de xubilación forzosa aos 67.

O motivo polo que o chanceler prusiano atinou no que non cría foi que o mellor xeito de xerar aforro nun país está nas expectativas de, como me dixo don Nicolás, acadar a idade do xúbilo.