En primeiro lugar, teño que agradecer as verbas do artigo de Maxi Olariaga, tamén comentarista deste xornal, xa que a súa reflexión en Listas abiertas do derradeiro xoves non soamente son coincidencias comigo senón que son o que escoitamos na taberna, na rúa ou mesmo nos foros de Internet e que nós pintamos negro riba de branco, como hoxe vou facer neste comentario sobre unha profesión tan necesaria e importante e non sempre ben entendida nin regulamentada.
Eu teño unha especial simpatía pola Garda Civil, o primeiro corpo de seguridade público en España que data de 1844, fundada polo Duque de Ahumada que, paradoxicamente, a pesares de ter status militaris é unha organización moi respectada pola cidadanía, sobre todo a de tráfico, pero entendo que as funcións policiais son máis propias da politeia civil. O que me parece un erro é esa nova moda de que as autonomías teñan a súa propia policía coas mesmas funcións e competencias que a estatal e o mesmo coas policías municipais, cando iso vai contra das previsións do Tratado de Maastricht. Vexamos.
Collo a lei 8/2007 de Policía de Galicia e non vexo que melloras supón para os galegos que non teñamos xa coas forzas e corpos de seguridade do Estado. É máis, esa dicotomía, como xa se amosou coa Ertzaintza vasca ou cos Mossos d'Esquadra cataláns, prexudica a eficacia policial.
Pero esta cuestión non é nova. A mesma Asemblea Xeral da ONU considerou conveniente pronunciarse sobre isto na súa Resolución 34/169 de data 17/12/1979, creando un código de conduta para os funcionarios encargados de facer cumprir a lei, incluso entendendo que, cando habendo posto en coñecemento dos seus superiores algo delictivo sen que se tomen as medidas axeitadas, estaría xustificado denunciar iso nos medios de información.
Pero que este asunto precisa un golpe de temón amósanolo a problemática que algúns dos nosos concellos teñen cos policías locais, o que non se lles pode imputar a eles, senón a un status quo causado con leis como a devandita 8/2007 galega e a funesta 2/1986 estatal. Cando en Alemaña se camiña cara un reforzamento da policía federal -a Bundespolizei- en detrimento das dos Bundesländer, o equivalente ás nosas comunidades autónomas, aquí, coma sempre, practicamos a física do cangrexo.