A sabedoría barulleira

BARBANZA

Ó parladoiro dos xoves chegounos Xulio falando dun compañeiro seu que sempre ten unha opinión para todo canto lle boten. O home fala de política como un parlamentario apaixonado, de ciencia como un membro do CSIC e de literatura como un académico de número. E non lle leves a contraria, porque o paisano sempre terá un as para un tres. É sorprendente -di Xulio- a capacidade dalgúns para opinar sobre os máis variados asuntos sen que lle saian as cores. E é mágoa que non haxa un fármaco que cure tal vaidade, porque visto o visto, temos que pensar que a proliferación de tanto ensoberbecemento só pode ser algo contaxioso que se transmite a través das ondas hercianas en horas de parladoiro televisivo. A sabedoría barulleira é máis contaxiosa có virus da gripe común.

A cantidade de especialistas nas máis diversas materias que aparecen en canto lle dás unha patada a unha pedra é sorprendente. En cada esquina hai un pensador, un clarividente, un experto multidisciplinar, un agudo intérprete do que lle boten, un sabio que o sabe todo, un curandeiro con remedios eficacísimos para todos os males e doenzas que a medicina non descubriu. E quen ousa dubidar, nestes tempos que corren, só pode ser un inculto indigno de recibir o saúdo do público. De tal xeito queda demostrado que a sabedoría académica xa está anticuada, que non é difícil encontrar a un tipo discutir coas verdades aprendidas no último episodio de non sei que programa de barulleiros ata facer calar a todo un catedrático. Algo que, a pesar do que se diga, vén de vello, pois xa Montesquieu a mediados do século XVIII nos deixou unha boa proba de tal doenza por boca dun persa afeito a mandar cartas ó seu país sobre o que vía na Francia daqueles anos.

Ten razón Xulio cando nos di que o difícil é non ser un entendido, uns por presuntuosos, outros por non estar calados, e uns terceiros para que non se diga, porque se non o es reléganche ás cloacas do intelecto. E ante un prodixio tal, un sempre ten a certeza de que a infalibilidade do Papa de Roma é unha coña. Ata o cura da miña parroquia, que fixo a súa carreira cunha lista de libros prohibidos que obedientemente non tocou na súa vida, sube ó púlpito e fala de movementos migratorios, de problemas de bioquímica, de economía de empresa ou da constitucionalidade das leis, sacando conclusións sobre a existencia humana propias dun deses programas de parapsicoloxía que se emiten con nocturnidade e aleivosía. E logo todos dicimos amén.

Nas cartas do persa de Mostesquieu xa se nos fala da existencia destes personaxes sabichóns na Francia previa á revolución da fraternidade, de persoas que sen distinguir unha letra dun número, están de volta de todo, e así contaba aquel viaxeiro como se encontrou nalgún lugar da campiña cun home moi contento de si mesmo, un paisano que non necesitaba de ningunha avoa para amosar a súa sapiencia. Un tipo que, nun cuarto de hora, aportáralle a súa opinión sobre tres cuestións de moral, catro problemas históricos e cinco puntos de física. E iso que daquela non había televisión.

Estoutro día vin, nun departamento municipal, a unha cincuentona con roupas de adolescente, que polo visto fixera un cursiño de baile de salón e xa pretende que a contraten de profesora de danza en non sei que concellaría. Que pouco se diferenciaba a tipa esta do francés aquel.

Tamén contaba o persa nesas cartas, que endexamais viu un dicionario tan universal como aquel paisano, que nunca estaba confuso, sempre tiña unha resposta preparada, fose de ciencia, de letras, do futuro ou do pasado, e xa chegou ó extremo cando, sabendo de onde era o seu interlocutor, faloulle das rúas de Ispahan demostrándolle que as coñecía mellor que o nativo.

En fin, que a divindade nos dea sabios pero que nos libre dos sabichóns.