A medida de rebaixar o cinco por cento o salario dos funcionarios tiña que traer a colación, inexorablemente, a idea de que, ademáis, sexan tratados coma calquera traballador do sector privado deste país. Esas son as consecuencias das irresponsables decisións ou, mellor dito, das indecisións políticas sobor do tema.
Para comezar teño que dicir que iso sería un desatino espantoso. Moi pola contra, a lexislación ten que afrontar dunha vez por todas o artigo 103 da Constitución, baseadamente no que se chama a carreira profesional para garantir a obxetividade e a imparcialidade no exercicio da función pública, quitándolle aos políticos competencias que non lles corresponden e que deben ser desenroladas con independencia e sen a arbitrariedade do poder político de turno, con sometemento exclusivo á lei e ao dereito.
Unha pincelada, a lei que regula o funcionamento dos funcionarios é do ano 1964. ¡Cando se decate ZP aplícanos a lei da memoria histórica!.
Agora ben, tamén hai que dicir que detrás do comentario da Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE) hai moitas verdades que cómpre salientar, como son o cambio da estructura e adelgazamento das Administracións eliminando a triplicidade de competencias entre o Estado, as comunidades autónomas e os concellos e deputacións, participación do sector privado na xestión pública das actividades que non teñan que ser exercidas forzosamente por funcionarios de carreira, etc., etc.
Xa que o problema que denuncia a patronal española, con toda razón, ten causa concreta e diagnosticada en forma do que se chama personal laboral (sobor do personal de libre designación -enchufados- falaremos noutra ocasión), unha mala praxe dos políticos nos derradeiros trinta anos á que non soamente non se lle puxo freo senón que foi abrazada como doutrina por toda a casta política coa axuda dos sindicatos de clase, mesturando o dereito administrativo co dereito laboral, o que os considerados proxenitores da ciencia xurídica pública, Garrido Falla e García de Enterría, ben poderían cualificar de aberrante. ¿Cómo se pode entender, senón, que haxa máis laborais que funcionarios?.
E remato coa disertación. Non é improbable que os Tribunais declaren ilegal esa rebaixa do cinco por cento para os traballadores laborais das Administracións, coa inxustiza que iso suporía para os funcionarios de verdade.