Entre os abondosos nomes de peixes das nosas costas topamos co budión, que noutras latitudes aparece como bodión, e que resulta ser sinónimo de xulia ou ben de maragota. Este descubrimento fíxeno tirando do fío do topónimo Punta Bodión de Boiro, pensando que quizais se tratase dun zootopónimo. Temos zootopónimos como Aguieira, Falcoeiro ou Balieiros, pero os fitotopónimos están máis presentes nos nosos nomes de lugar, e xa non digamos se as plantas son ventureiras: Carragueiros, Xunqueiras, Silva, Caramiñal, Xestosa? En fin, a palabra latina «buda» significaba herba de pantano, espadana. Parécenos máis acertado pensar nesta orixe para lugares moi húmidos, xa que tamén se usa fóra de Galicia; por exemplo, o río Bodión na provincia de Badajoz, ou a illa de Buda, situada na desembocadura do Ebro, tan máxica coma a nosa Punta Bodión, pero moito menos degradada.