O mal momento que atravesa o sector gandeiro non impediu que Moncho Carreira decidira a comezos de ano incorporarse á explotación do seu pai
17 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Corren malos tempos para os gandeiros da comarca. A rendibilidade das granxas leiteiras é, probablemente a máis baixa da historia recente deste sector, cuns prezos do leite en orixe historicamente baixos e cuns custos de produción que non deixan de medrar. É precisamente por estas circunstancias tan adversas polo que o caso de José Ramón Carreira, Moncho para os coñecidos, ten moito máis mérito.
A principios de ano, este veciño de Mazaricos decidiuse a dar o importante paso de incorporarse á actividade agraria na explotación familiar. Puido, como el mesmo apunta, tentar sorte noutro sitio ou en calquera outro traballo, pero decidiuse a apostar por algo que, dende sempre, lle gusta e que, pese a todo, pensa ten futuro: «Sempre me gustaron as vacas. Dende pequeno estiven entre elas e cando houbo que decidirse non o dubidei nin un momento. Claro que podía ter feito como outros que marcharon probar na hostalería ou na construción pero teño a sorte de poder facer o que me gusta. Agora non estamos no mellor momento pero seguro que as cousas se van indo recuperando pouco a pouco».
Moncho non agocha un firme optimismo cando se fala do porvir que lle agarda ao sector gandeiro: «Estamos afeitos ás dificultades. Levamos moitos anos tendo que superar situacións moi complicadas e agora non vai ser menos. Hai que reducir custos e optimizar o máximo posible os nosos recursos. A recuperación ha de ir vindo pouco a pouco», comenta mentres seu pai, José Antonio, acaba coas tarefas do muxido da mañá dándolle o leite a media ducia de becerras de apenas un mes de idade.
«Aquí non se pode parar nin un momento. Este traballo é moi duro, por iso estou moi orgulloso de que Moncho quixese seguir nisto», comenta o proxenitor, ao que acompaña a súa muller, Erundina, e a súa nora, María, que tamén botan unha man para atender as preto de 90 cabezas da granxa. O veterano gandeiro tamén amosa a súa preocupación polo delicado momento que están atravesando, ao tempo que critica o escaso apoio que reciben os produtores das distintas administracións: «Se apoiaran o noso sector só a metade do que apoiaron outros moitos a cousa seguro que era ben distinta».
Plans de expansión
En Casa Carracho, que é o alcume desta gandería familiar, producen anualmente na volta de 600.000 quilos de leite, cantidade que cuadriplica a media das granxas galegas e que vai parar na súa totalidade á cooperativa Feiraco. Pese a esta considerable cifra, pai e fillo coinciden na necesidade de seguir medrando na medida que llo permitan as circunstancias. «A primeira prioridade é a de producir máis barato e, por suposto, a de seguir aumentando a produción. Para vivir dignamente deste oficio cada día tes que ser máis profesional e estar máis dimensionado», apunta Moncho, que sinala marzo do ano 2013 -data na que está prevista a desaparición das cotas lácteas- como un momento determinante para o futuro do sector.
Mentres ese momento non chega, pai e fillo esfórzanse cada día por facer as cousas ben, cun criterio empresarial que a xente nova vai imprimindo a esta profesión tan denostada por moitos. Vaia, con sentidiño, como adoita escoitarse por Mazaricos.