«Escribo para non perder as lembranzas do pasado»

Mariñeiro de profesión, este sonense ven de sacar á luz a súa primeira obra literaria, un volume con corenta historias contadas a modo de regueifas


ribeira/la voz.

Desempeñou toda a vida traballos relacionados con mundo do mar, primeiro enrolado nun barco e agora como comprador e vendedor de peixe; pero dun tempo a esta parte, Francisco Vidal García (1947, Mantoño-Portosín) é coñecido por unha faceta ben distinta, a de escritor. O seu primeiro libro, Xentes e lembranzas , xa está nas tendas e o luns, este autor que se fai chamar Farruco de Mantoño estará no Centro de Interpretación do Castro de Baroña ás oito da tarde para asinar exemplares. -¿Que poden atopar os lectores neste libro? -Son 38 historias en galego que falan de cuestións do pasado e tamén do presente. Son narracións en forma de poemas, algo similar ás regueifas. -¿Como se lle ocorreu escribir esta obra? -Sempre me gustou escribir e, realmente, empecei con outro libro, un que incluía unha pregunta dun neto a un avó sobre o significado da cencerrada. Foi a raíz de aí cando decidín escribir Xentes e lembranzas , que precisamente comeza coa historia de Manuel O Ovelleiro, que se casa cunha viúva e participa polo tanto nunha cencerrada. -¿Vai sentirse a xente da comarca identificada con estas historias? -Pois hai relatos referentes a Noia, a Portosín ou á Virxe do Loreto, pero tamén hai algún sobre cuestións máis actuais, como o fenómeno do botellón. -¿Que o empuxa a vostede a escribir? -Eu escribo para non perder as lembranzas do pasado e tamén para denunciar situacións do presente que considero inxustas. Sempre me gustou escribir, pero nunca me animara porque pensaba que non ía ser capaz. Foi unha libreira de Cortiñán a que me impulsou. Ela sempre me dicía que tiña que plasmar todas as cousas que lle contaba nun papel e foi así como comecei, no ano 2008. -¿Resultoulle difícil atopar unha editorial que lle publicara o libro? -Pois o certo é que non. Facilitáronme o teléfono da editorial Sial, chameille e pedíronme que lle enviara un exemplar do que tiña escrito. Aos poucos días xa me confirmaron que ía ser publicado. Incluso me preguntaron se quería que se respectara o galego coloquial no que estaba feito ou que fora normativizado, pero eu preferín deixalo tal e como estaba, posto que se trata dunha obra que vai dirixida á xente maior. -¿E como está a resultar a venta de exemplares? -Pois non me podo queixar. O libro foi presentado hai uns días na libraría Arenas da Coruña e alí xa asinei polo menos sesenta. Despois, eu levo vendidos uns douscentos pola miña conta. -¿Estará entón moi satisfeito? -Polo de agora estou máis nervioso que orgulloso con todo isto que está pasando. -¿Está xa pensando en sacar á luz ese primeiro libro que escribiu pero que segue no caixón? -A verdade é que si. Incluso me decidín a ir a clases de informática para poder preparalo eu mesmo. Despois, que saia publicado ou non, xa non depende de min. -¿E segue a escribir historias no seu tempo libre? -Algo escribo todos os días. Agora mesmo estou facendo unha serie de historias en castelán, pero aínda non teño decidido se as vou deixar neste idioma ou se finalmente as traducirei. Tamén me decidín a comezar cunha novela, baseada na vida dun matrimonio que herda un serradoiro. Penso que nunca vou deixar de escribir.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«Escribo para non perder as lembranzas do pasado»