«A competencia é positiva á hora de atraer clientes á localidade»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Sempre traballou de cara ao público e, hai un ano, Cristina Domínguez Horta animouse a poñer en marcha o seu propio negocio en Boiro, unha tenda de roupa e complementos. Aínda que é cedo para facer un balance, asegura estar moi satisfeita coa experiencia.

-¿Que poden atopar os clientes nesta tenda?

-Traballamos roupa de distintas marcas, entre elas, Custo Barcelona, Kocca, Oki Coki ou TMX. Son casas que coidan moito o deseño, que miman ata o último detalle. -Pero iso suporá un custe elevado para o cliente, ¿non? -Non necesariamente. Non somos nin caros nin baratos, podemos ter desde unha camiseta por 30 euros ata outra por 300. Ofrecemos un abano de produtos moi amplo. -¿Que tipo de clientes son os que se achegan á tenda? -Soamente traballamos roupa de muller, e aquí veñen desde os 25 ata os 50 ou 60 anos. -¿Que valoración fai do sector comercial de Boiro? -De momento levo moi pouco tempo para facer valoracións, pero creo que Boiro ten bastante movemento comercial e iso benefícianos a todos. -Pero, ¿bota en falla algo? -O que está claro é que cada día que pasa pecha algunha tenda pero, aínda así, a cantidade de negocios que hai xera un movemento que nos beneficia. A competencia é positiva á hora de atraer clientes á localidade.