Lira esperta interese en París

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Un documental sobre a reserva mariña proxectarase o día 25 de novembro nun festival da capital francesa

21 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Primeiro decidiron poñer en marcha un proxecto pioneiro, crear unha reserva mariña co obxectivo de que no seu interior se obre a milagre e se multipliquen os peixes; e despois os mariñeiros de Lira decidiron dar a coñecer a iniciativa a través de distintas canles. Unha delas foi un documental que ven de espertar interese en París.

Tanto é así que a cinta Lira, reserva de vida na Costa da Morte vaise proxectar o 25 de novembro na capital francesa, no marco do Festival International du Film D'environnement. O vídeo que amosa a experiencia desenvolvida pola colectividade pesqueira artesanal de Carnota foi seleccionado polos promotores deste certame de entre máis de dous mil traballados que chegaron a París procedentes dun cento de países.

Deste xeito, os pescadores e os mariscadores de Lira serán, por un día, estrelas do celuloide e farano falando en galego. Iso si, a proxección estará subtitulada en francés. A presentación da cinta terá como escenario o cine La Pagode, situado a escasos metros do Palacio Nacional dos Inválidos. Neste histórico edificio, os espectadores poderán conxugar cine, audiovisual e medio ambiente, no marco dun festival que este ano chega á súa vixésimo oitava edición.

Segundo intento

Para a xente do mar que protagoniza Lira, reserva de vida na Costa da Morte , a de París será a súa segunda experiencia nun certame audiovisual. Hai un meses, os improvisados actores probaron sorte no Festival Internacional de Cine y Medio Ambiente de la Ciudad de Zaragoza. Daquela, malia non conseguir premio algún pola súa interpretación, o documental espertou unha moi boa crítica, tanto entre público como por parte do xurado.

Dirixida por Marcos Gallego, a cinta foi producida por Servizos Audiovisuais Galegos. Á hora de rodar o documental, tanto o obxectivo do equipo de gravación como o dos mariñeiros participantes non foi outro que o de testemuñar o momento actual dun proceso transcendental para as comunidades pesqueiras artesanais de todo o mundo e para gran parte da sociedade, cada vez máis consciente da sobreexplotación dos océanos e da extinción das especies.

Consiga ou non algún premio no festival de París, o feito de que o documental fora seleccionado xa constitúe un éxito para os seus promotores.