Á forza, non

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

14 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

No século XVIII, avalada por un economista chamado François Quesnay, xurdiu en Francia unha teoría económica chamada fisiocracia, que dividía a sociedade en tres clases: unha clase produtiva formada por agricultores, pescadores e mineiros, que acadaban o 50% da poboación daqueles tempos, unha clase proletaria -improdutiva- formada polos terratenentes, que supoñían a cuarta parte, e a dos artesáns outro tanto, e que soamente a clase agrícola era a que podía producir un excedente económico, ou sexa, crear riqueza, xa que logo as actividades de manufacturación e intermediación non a creaban senón que soamente a transformaban. Case na mesma liña, Adam Smith, que se considera o pai do capitalismo, dicía que a combinación do interese persoal, a propiedade e a competencia entre vendedores no mercado levaría aos produtores, «grazas a unha man invisible», a acadar un obxectivo que non tiñan buscado conscientemente: o benestar da sociedade.

Despois veu a Revolución Industrial que, no eido agrícola, supuxo tamén a aparición de maquinaria e ferramentas que permitían producir máis con menos custos, que permitía poñer nos mercados mercadorías a máis baixos prezos o que posibilitou máis consumo por moita máis poboación. O que chamamos a lei da oferta e da demanda que, de momento, é o que mellor funciona. As mobilizacións que os gandeiros veñen facendo dende hai tempo amosan que non é doado dobregar esa lei case natural.

Na edición deste ano da Fervenza de Mazaricos convidei a un grupo de amigos e familiares á degustación do que considero a persistencia da calidade da carne de tenreira galega. A verdade é que tamén a produción cárnica intensiva vai desmerecendo un produto que é un sinal de identidade moi considerado alén do Guadarrama, polo que cabe plantexarse que quizais hai que reflexionar sobre o que o propietario de Leite Río, Jesús Lence, expón, de que o motivo do baixo prezo do leite galego pode estar máis na perda de calidade con relación ás explotacións francesas ou holandesas.

Segundo meu tío Sindo, hai moitas alternativas, pero pretender impoñer uns prezos nunha economía de mercado soa máis ben ao que dicía aquela «muller de mala vida», á forza non.