A ponte de Noia

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

07 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha lei é boa cando beneficia á colectividade. Se a prexudica, ou é unha mala lei ou non se aplica con esa finalidade. Isto é o que ocorre coa Lei de Costas de 1988 e, para mostra, un novo episodio coa variante noiesa.

Coa mentalidade que amosan os organismos que administran a devandita lei en Galicia, non sería posible que os romanos fixeran a ponte de Lugo ou a de Ourense para salvar o río Miño nin, na Idade Media, a ponte Nafonso. Agora ben, iso pasa cando se fan políticas mediocres con políticos mediocres, cousa que non se espera do presidente da Xunta, xa que logo a tan esperada ponte de Noia, que pode ser a desfeita dun cesto de berberechos, non pode quedar ao albedrío duns burócratas.

Pero estas cousas non serían posibles sen a permisividade entre as autoridades que interveñen, por acción ou omisión, na súa acción. Poñamos un exemplo, neste caso a Xunqueira da Pobra que, certamente, non é unha excepción.

Dende os tempos do alcalde Segundo Durán plantexouse un pulo entre o Estado e o Concello no senso de que, se a Administración central era a titular da marisma, que se fixera cargo dela, a vixiara e a coidara axeitadamente e, de ser propiedade privada, levara a cabo as actuacións que impediran o seu lamentable estado. Gañaron o preito os de Madrid.

Como consecuencia destes rifirrafes, hoxe en día a demarcación de Costas aplica as súas absurdas limitacións sobre un mar sen auga salgada, que debe ser o único do mundo, sendo un foco de infecciosas moscas e mosquitos, pulgas, ratas, molestas libélulas, sen xuncos e chea de estrumes e árbores alleas ao entorno que poden arder como xa pasou máis dunha vez. Tamén é o lugar elixido para levar os cans a defecar, co que iso supón de perigo para a saúde pública a carón da residencia e do centro de saúde. ¡Cacho exemplo!. ¿E que se fai? Polo que se ve, ren.

Os alcaldes teñen, ademais da potestade, a obriga de mandar limpar as marxes de todos os ríos, as cunetas e o desbrozamento das parcelas que estean preto de vivendas con risco de lume. ¿Ten unha bula especial a demarcación de Costas na Xunqueira, nas Saíñas ou en Carragueiros, poño por caso? E todo en troco dunhas táboas que chaman paseos mariños que, ademais, nin son de eucalipto galego.