Oitenta e sete palabras

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

«Está usted aparcado en el peor de los sitios, sitio reservado a personas minusválidas. Está prohibido parar y no solo estacionar. Lo de son solo cinco minutos no vale, en el día son más de sesenta personas que lo dicen. Está contribuyendo a dificultar mi movilidad. Lo que para usted es comodidad, para los minusválidos es necesidad. Reflexione y no las vuelva a utilizar en un futuro. Igual usted las necesite utilizar. Nadie está libre de usar silla de ruedas o muletas. Demuestre más humanidad y solidaridad».

Onde hai papeis calan barbas, dicían os vellos do lugar. Como así pasa con esta nota de oitenta e sete palabras que, en papel de tamaño A4 da que teño constancia fotográfica, estaba pegada con papel adhesivo no portón traseiro dun vehículo aparcado nun reservado para discapacitados con tarxeta. Estaba no aparcadoiro dun hipermercado pobrense e que este comentarista, como afectado e comprometido como sempre, considera moi atinado, pensando seguir o exemplo.

Máis aló da necesidade de afastar obstáculos que, polas nosas eivas, dificultan ou impiden o noso desenvolvemento no entorno en que vivimos, este tipo de feitos son un verdadeiro atentado á nosa liberdade e á nosa dignidade como persoas. Punto.

Tamén hai moita demagoxia, e agora máis que nos meus tempos, nos supostos apoios no eido da integración social das persoas discapacitadas, tanto por parte dos políticos como dos dirixentes da meirande parte das asociacións que, non teño ningún reparo en repetilo, teñen a boca pechada polos seus estómagos agradecidos. Caso Ámbar.

En realidade, coa teoría da discriminación positiva ideada polos colectivos que fai corenta anos reivindicamos, como foi a miña proposta en 1968 nun campamento a carón do Mar Menor -aínda que sexa inmodesto dicilo- da reserva do dous por cento nas empresas con máis de cincuenta traballadores e, tempos despois, coas bonificacións da Seguridade Social, o subvencionamento á contratación, o fomento do traballo autónomo, o ensino, a formación especializada e moitas outras iniciativas, das que teño unha grata lembranza as trasladas a Domingo García Sabell cando era delegado do Goberno en Galicia e que vin todas elas plasmadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) tanto o presente como o futuro das persoas con discapacidade non deixa de ser unha quimera.

Sen embargo, reconforta comprobar que aínda hai algún afectado disposto á reivindicación activa.