Xa se anuncia por distintos medios a inminente saída ó mercado do primeiro automóbil que se pode converter en avión: Transition, para transitar por terra e aire. Ese soño que ata antonte só era posible nas películas de James Bond, vai ser axiña unha das ofertas dos concesionarios de coches, e xa non preguntaremos polos airbags nin polo ABS, miraremos a envergadura das ás ou se o tempo que se dá para convertelo de coche en avión baixa dos actuais trinta segundos. E un servidor xa se imaxina os slogans dos concesionarios: Contra as folgas de pilotos, posúa o seu propio avión. Certo, o coche con ás é a grande ilusión que todos tivemos, a grande esperanza de progreso, a maior de todas as ansias da mecanizada sociedade moderna. ¿Quen non quixo algunha vez entrar na cabina dun avión?, ¿quen non ansiou pilotar aínda que só fose un deses ruidosos monoprazas?, ¿quen non envexou o uniforme de piloto?, e ¿quen non quixo mirar ós demais por encima do ombro? E por mirar miro en internet, que é onde está todo o habido e o por haber, por se é que o seu prezo está ó meu alcance, e si, cento oitenta mil euriños poden conseguirse doadamente agora que xa se poden volver a pedir hipotecas, e senón, agardando un pouco, pasará como no seu día cos vídeos, que axiña veu a competencia e tirou os prezos polo chan. Por outra banda, o coche voador non vai ter problemas de subministro de enerxía, pois que funciona coa gasolina de toda a vida, unha solución máis realista cá dos prometidos coches eléctricos que nos ían sacar da crise. Nótase que é un invento pensado para a democrática sociedade de consumo; porque, ademais, quen non desexou algunha vez sacar un par de aleróns para rebasar por enriba ó manta que vai diante camiño da Curota, cruzar a ría sen ceder o paso en Nafonso ou Catoira, ou evitar as caravanas domingueiras entre Noia e o Son. Pois xa está aí, a punto de ser anunciado nos descansos das máis populares series televisivas: Transition, your particular airplain, así, en inglés, como lle gusta ó noso soberano goberno autónomo, a ver se se anima a dar subvencións a fabricantes e compradores. A primeira cousa na que nos fixamos é, coma sempre, no aspecto exterior, coas súas ás pregadas e un enorme ventilador na popa que lle dan ese aspecto insólito, de aparello militar en desuso e que, a moito non tardar, convocará en torno seu, cando o vexamos aparcado na praza de garaxe do veciño, os ollos de curiosidade e envexa de toda a veciñanza. E non dubido de que, á volta duns meses, apreciaremos máis as súas formas entrambilicadas cás dondas curvas dos máis modernos deportivos. Está claro que a partir do Transition o mundo dos transportes vai ser outro; para empezar van ter que cambiar as normas de conducción e o carné B1 quedará obsoleto, porque ¿a quen lle toca ceder o paso cando se entra nunha nube?, ¿que luces se poñen cando hai lóstregos?; e tendo en conta que despois van poder adiantarnos tamén por arriba e por abaixo, que no aire non hai onde colgar sinais de tráfico nin onde marcar unha liña continua, ¿cantos intermitentes usaremos?, ¿como se sinala un rizo ou un picado? Non sei por que pero dáme a min que este coche vai necesitar da colaboración do copiloto para atender tantas posibilidades de manobra como ten. Como queira que sexa, e dado que as cousas modernas sempre aportan máis beneficios ca inconvenientes, os radares da Dirección Xeral de Tráfico tamén quedarán obsoletos, porque se ben é certo que este vehículo alcanza no aire os cento oitenta e cinco quilómetros por hora, non é menos certo que os radares non van ser doados de poñer, e a ver a onde apuntan entre as nubes