O corvo e o guindastre

BARBANZA

Ó velo voar, coa pata desprendida do corpo, descolgada, como un tren de aterraxe escangallado, dábanos pena, semellaba que nunca podería tomar terra, sen embargo cando o sentimos croar no alto dun guindastre que leva no paro máis de dous anos, empezamos a odialo, viámolo alí, señoreando sobre unha mole de cemento erguida a toda présa para adiantarse á entrada en vigor da tan anunciada lei de protección das costas, facéndose dono daquela miseria promovida antes de que lle puxesen límites á especulación (e a que os gatos tivesen o pracer de percorrer o perímetro marítimo sen baixarse dos tellados), e fómoslle perdendo o mérito. Ese día xa non sei que me daba máis pena, se o corvo coxo por coxo ou o guindastre en paro por parado.

Coa chegada da primavera agardei inutilmente a que algún día erguese no alto daqueles ferros o seu niño, pero non debeu encontrar quen se arriscase a compartir o seu fogar sobre a dubidosa estructura, que aguantou impasible dous invernos, seguramente mantida coas rendas dalgunha hipoteca caída en saco roto, agardando tempos mellores e adaptándose ás inclemencias, servindo de cataventos que me indicaba cando viña nordés e cando vendaval, pero tamén de acomodo dos estorniños en outono, das rulas en primavera e das gavotas todo o ano, cando cansas de percorrer os ceos pousaban sobre os seus ferranchos despintados en ocre por acción da intemperie, ata que chegaba o corvo grallando con forza, posesivo, facéndose dono do impasible instrumento inactivo, expulsando ás demais aves.

Nunca soubemos de onde lle viña a deficiencia, e por moito que especulamos sobre algunha pelexa, accidente de voo, discusión pola posesión dunha parcela de señorío, non fomos quen de asegurar o motivo daquela pata truncada, pero si estabamos seguros de que ese croar ronco de cada serán, esa manifestación constante de mal humor, de mal xenio, viña da lembranza do accidente que lle deixou tal pega; que aquel era o manifesto enfado permanente de quen culpa a todos das propias desgracias, e chegamos a ver nel ó cabreado especulador a quen nunca lle saen os plans ó seu gusto, sempre temendo perder o único que ten, ou máis exactamente, temendo que outros teñan tanto coma el. Daí o noso desamor para con el, aínda que entendésemos como, consciente da súa discapacidade, incapacidade ou necesidade, se facía valer con grallos de terror; pero cando o vento da boca da ría movía os brazos do guindastre, co renxer dun mecanismo desengraxado, el fuxía, temeroso da forza proletaria que alí seguía aguantando o tipo e de súpeto espertaba, daquel aliado necesario e obrigado do constructor, e víamos como cada serán, antes de pousar, daba dúas voltas de recoñecemento e ollaba ata asegurarse de que os brazos do guindastre ficaban en calma e non había depredadores á vista, preto do guindastre que para el era a súa táboa de salvación.

Endexamais soubemos onde aniñaba polas noites nin onde pasaba as mañás, nin se algún día tivo casa de seu, familia ou compañía con quen compartir un secreto, un aloumiño ou unhas palabras de amor. Só aparecía ó atardecer para facerse dono daquela estructura de desperdicios do que ía ser pero non foi, ata que, un día, un camión de grande tonelaxe, con operarios contratados ex profeso para certificar a inutilidade do edificio sen construír, por mor da ambición desmedida, financiada con hipotecas a trinta anos para ter onde pasar un mes de verán, cargase por pezas o guindastre, para ofrecerlle un retiro anticipado. Os restos do edificio son agora acubillo de gatos ventureiros, e o corvo, sen a súa atalaia, andará procurando outros aires onde grallar.