«Co meu parchís tócase sen ensaiar, o que sae é o que vale»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

O ribeirense presentará mañá en París a súa última creación artística, un proxecto que integra tecnoloxía, efectos sonoros e imaxes

23 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Pintura, grafite, banda deseñada, fotografía... son poucas as disciplinas artísticas que se lle resisten a Miguel Harguindey (Ribeira, 1968). A última experiencia na que está somerxido vai un paso máis alá, trátase dun proxecto creativo que integra desenvolvemento tecnolóxico con sons e imaxes. El defíneo como Political Personal Disaster e tal é o interese que está a espertar, que o barbancés presentarao mañá en París, no prestixioso International Festival For The Post-Digital Creatión Culture.

-¿En que consiste realmente este proxecto?

-O que vou presentar en París é un acontecemento audiovisual con música e vídeo, interpretado cun parchís que eu fabriquei. Un vai xogando a partida e, en función da colocación das fichas, vai saíndo unha composición musical ou outra, sempre de forma aleatoria, e complementada con imaxes.

-¿Como se xestou esta idea tan singular?

-Pois naceu un pouco por aburrimento. Foi hai un par de anos, despois de levar moito tempo facendo música por ordenador. Era algo que me gustaba realizar na casa, pero non me interesaba tocar en directo. Entón, decidín buscar unha fórmula para executar esta mesma música, pero sen ser a través do ordenador. Co meu parchís tócase sen ensaiar, o que sae é o que vale, os dedos son os que marcan a partitura.

-Este proxecto creativo incorpora tamén imaxes, ¿cales elixiu?

-Hai vídeos reais, de carácter documental, e tamén imaxes abstractas; para cada tema hai unhas representacións diferentes.

-¿Barbanza está presente nestas imaxes?

-Si, claro. A min gústame moito camiñar, todos os días dedico un par de horas a percorrer o peirao de Ribeira, e nos vídeos saen moitas escenas do chan desta zona, así como dos muxos e das redes. Son detalles distintos da cidade.

-O que se celebrará mañá en París, ¿é o primeiro festival internacional ao que acode con este parchís?

-Participei en Polonia, no festival Transvizualia e logo tamén amosei o proxecto en Lisboa. Xa tiña experiencias previas, pois no pasado fixen exposicións de pintura e de fotografía en distintos países.

-¿Como chega o seu proxecto a París?

-Foi algo que nin eu mesmo me esperaba. O mesmo director do festival me chamou, dicíndome que coñecera o proxecto por casualidade, nunha ocasión na que estaba navegando por Internet, a través da miña páxina web. Díxome que quería que presentara o meu parchís en París, e así será.

-¿Foi entón unha sorpresa agradable?

-O certo é que quedei bastante sorprendido e, nun primeiro momento, incluso desconfiei da veracidade da chamada, porque se trata dun festival de moita envergadura. Eu xa sabía da súa existencia con antelación, pero nunca se me pasara pola cabeza a posibilidade de participar.

-¿Como pode ser que vostede garde un proxecto tan valorado no estranxeiro e non llo amosara aso barbanceses?

-Amosei unha primeira versión do parchís, sen imaxes, na inauguración dunha exposición que houbo no auditorio de Ribeira hai un ano. Presentei o proxecto para ver un pouco como funcionaba. Á xente gustoulle e foi entón cando me decidín a perfeccionalo e amplialo.

-¿E non pensa agora en dar a coñecer a nova versión do parchís na comarca?

-Tampouco hai moitos espazos axeitados para amosar este tipo de proxectos. Non se trata de ter un local e limitarse a abrir as portas unhas horas ao día. Para que unha sala de exposicións funcione como debe ser hai que darlle contido, facer un esforzo.