O libro gardián da memoria

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Un mestre norteamericano analizou o tratamento que 42 novelistas fixeron do franquismo e da Guerra Civil

17 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Galiza Nova e Barbantia aliáronse para dar a coñecer a obra As novelas da memoria , un ensaio feito polo mestre norteamericano John Thompson, no que analiza máis de corenta novelas de outros tantos autores galegos, desde o punto de vista do tratamento que fan da II República, da Guerra Civil e da represión franquista. Trátase, no fondo, dunha escusa para falar da memoria, dos traumas que provocan as persoas e as sociedades que non lembran o seu pasado.

Así definiu o libro Xan Ermida, un profesor do instituto Número Un de Ribeira, que estivo no centro social boirense arroupando ao autor do ensaio. O mestre cualificou o libro de Thompson como «un compromiso coa cultura e cosa lingua galegas, pero tamén coas vítimas, cos perdedores, cos esquecidos. É un traballo feito desde a esquerda, desde a defensa dun proxecto moderno fronte a unha sociedade que defende o valor do efémero e do espectáculo que pretende eliminar a memoria», indicou.

Á hora de elaborar As novelas da memoria , John Thompson tomou como referencia 42 novelas que saíron á luz entre o ano 1957 e o 2007, e que foron escritas, entre outros, por Carlos Casares, Suso de Toro, María Xosé Queizán, Manolo Rivas, Anxo Angueiro, Antón Riveiro Coello e Xosé Manuel Sarille.

Conclusións

Analizando os personaxes que aparecen nestas obras e as historias que se contan nela, o mestre norteamericano extrae unha serie de conclusións coas que pretende achegarse á historia e á memoria de Galicia. E, segundo dixo ao longo da súa intervención no centro social de Boiro, «a literatura galega ten feitos os deberes neste eido».

Thompson explicou que, a través das súas publicacións, os escritores da Galicia contemporánea teñen escrito e reflexionado dabondo sobre o seu pasado, fundamentalmente, sobre a segunda metade do século XX. Neste sentido, chegou a afirmar que «a memoria literaria ven a encher o oco que deixan outros eidos, fundamentalmente o histórico».

Ademais de por Xan Hermida, na súa intervención en Boiro, o ensaísta norteamericano estivo arroupado polo rexedor local, Xosé Deira; polo presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón; e polo coordinador de Barbantia, Alberto Piñeiro.