Oitenta maiores de Boiro participaron nos obradoiros de memoria que onte clausurou a Cruz Vermella
16 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A idade non ten por que ser un impedimento para adquirir novos coñecementos. Sábeno os oitenta maiores de Boiro que ao longo dos últimos meses participaron nos obradoiros de memoria promovidos pola Cruz Vermella local, en colaboración co Concello. Todos eles recibiron onte unha copia da orla de fin de curso e, como non, os parabéns do alcalde, Xosé Deira; do presidente da organización humanitaria, Leopoldo Vaamonde; e da concellería de Servizos Sociais, Natalia Laíño.
O acto de peche dos talleres, que tivo lugar no centro social, comezou coa realización dun percorrido por todas as actividades que, aparte das clases, realizaron os alumnos. Destacaron, por exemplo, a Semana do Mario, o desfile de entroido ou unha visita a Compostela.
A continuación, unha das usuarias destes obradoiros, Isabel Sánchez, tomou a palabra para, en nome de todos os compañeiros, agradecer a organización desta actividade. Fíxoo lendo un poema que ela mesma compuxo, no que fixo referencia aos moitos coñecementos que adquiriu nas clases, destacando que, antes de acudir a estes talleres, non sabía nin ler nin escribir, carencias que empezou a subsanar da man dos monitores da Cruz Vermella.
Vaamonde, Deira e Laíño distribuíron despois as orlas entre todos os presentes, aproveitando para agradecerlles a súa implicación nunha actividade que cualificaron de moi útil para exercitar a memoria das persoas maiores e tratar de frear así as consecuencias do envellecemento. Tanto desde o Concello de Boiro como desde a Cruz Vermella, anunciouse que os obradoiros terán continuidade despois do verán.
Como se de estudantes se tratara, os maiores de Boiro terán pouco máis de dous meses de descanso para, en setembro, volver a ocupar os pupitres cos seus cadernos e os seus bolígrafos. Será na oitava edición dos obradoiros de memoria. Tamén regresarán ao traballo os once voluntarios que neste curso se encargaron de impartir as clases.
Clausura en Ribeira
Tamén en Ribeira terá lugar hoxe a clausura dun curso, neste caso de reforzo educativo, no que participaron vinte maiores. Aproveitarán para exhibir os traballos didácticos que estiveron a realizar ao longo do obradoiro, que se ven desenvolvendo desde outubro.