Mediante campañas para reivindicar infraestruturas xuvenís e organizando actividades culturais, Romay tenta poñer en pé aos mozos da comarca
09 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Pasou a ocupar o cargo de responsable de Galiza Nova Barbanza en marzo do ano pasado, despois da dimisión da persoa que ocupaba o posto. Uns meses despois, en novembro, Adrián Romay (Ribeira, 1990) encabezou unha candidatura de consenso, que contou co apoio de toda a militancia. Desde entón, traballa en varias frontes que abarcan, desde o eido político, ata o cultural e o de lecer, todos eles desde o punto de vista da mocidade.
-¿Que o levou a participar nunha agrupación de carácter político?
-Empecei a militar en Galiza Nova en outubro do 2006, pouco antes das eleccións municipais. Daquela lin os programas de todos os partidos políticos e considerei que o do BNG era o máis ambicioso. Iso foi o que me levou a decidirme por entrar a formar parte de Galiza Nova.
-¿Con que obxectivos asumiu a dirección desta formación en Barbanza?
-A comarca estaba completamente parada e tiven que erguela practicamente desde cero, animando á mocidade a traballar. Isto queda demostrado no incrementou que experimentou o número de militantes, que pasou de 15 a 25, e hai tres altas en trámite.
-Pero, aínda así, ¿é pouca xente non?
-Temos presenza nos catro municipios de Barbanza e hai que ter en conta que afiliarse a Galiza Nova supón o pago dunha cota, algo que non todos os mozos poden asumir. De todos os xeitos, o número de colaboradores e de simpatizantes é moito maior.
-¿Pode ser que estas cifras sexan indicadores do escaso interese que a mocidade ten pola política?
-A mocidade está desconectada, pero é doado mobilizala con cuestións que realmente lle interesan. Nós comprobámolo coas campañas de reivindicación de casas para a xuventude. Conseguimos a implicación dos mozos tanto en Ribeira como en Rianxo.
-¿Que levou a Galiza Nova a emprender esta campaña reivindicativa?
-No caso de Ribeira, vense anunciando desde o 1996 a entrada en funcionamento da casa da xuventude e, a día de hoxe, segue pechada a cal e canto; mentres que en Rianxo nin sequera existe un local. O mesmo ocorre na Pobra, onde temos previsto poñer en marcha unha campaña similar o ano que ven.
-Entón, ¿unicamente se salva Boiro?
-É unha vila privilexiada en comparación co resto de Barbanza. En Boiro hai un centro social con diversos servizos para a mocidade, entre os que figuran unha biblioteca universitaria, locais de ensaio, estudo de gravación, sala de ordenadores e estancias que se poñen a disposición do mozos.
-Ademais de traballar no eido político, Galicia Nova organizou nos últimos tempos varias actividades de carácter lúdico e cultural, ¿vai ser esta a liña a seguir?
-Si, o propósito é dinamizar os eidos lúdico e cultural da comarca, aproveitando tamén para animar á mocidade a involucrarse na política.
-Neste sentido, ¿cales son as vindeiras propostas?
-O día 15 deste mes imos presentar un libro en Boiro, en colaboración coa asociación Barbantia. Trátase de As novelas da memoria , unha obra dun profesor estadounidense na que se analizan as repercusións que a Guerra Civil tivo en Barbanza. Tamén temos pensado organizar concertos e é moi probable que esta comarca sexa sede das xornadas de verán de Galiza Nova.
-¿En que consistirán esas xornadas?
-Pois son unhas actividades que a agrupación leva a cabo cada verán nunha comarca distinta de Galicia. Son tres días de charlas, concertos e accións vinculadas co medio ambiente. Un cartel moi completo. De momento aínda non está decidido onde se van desenvolver as xornadas deste ano, pero existen moitas posibilidades de que sexa nunha localidade de Barbanza. Nós estamos loitando para que sexa así.