O departamento no que traballa esta pobrense acaba de pór en marcha un plan pioneiro e ambicioso para potenciar os sectores comercial, hostaleiro e turístico
22 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A pobrense Rosana Pérez é delegada da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, departamento que acaba de pór en marcha o Plan Director do Comercio. Trátase dunha iniciativa pensada como unha experiencia piloto que se aplicará aos doce concellos das comarcas de Barbanza, Muros, Noia e Sar. Os obxectivos deste ambicioso plan son potenciar e dinamizar o comercio da zona mediante unha serie de actuacións variadas coas que se pretende fuxir de localismos. De aquí ao 2013, a Deputación investirá nesta área 3,1 millóns de euros.
-¿Como xurdiu a idea e como se levou a cabo o traballo para darlle forma?
-Foi hai dous anos. Estabamos examinando os programas europeos para poder participar neles, pero decatámonos de que non había ningún que incluíra a colaboración co comercio. Así que pensamos en elaborar un plan, pero tiña que ser con recursos propios, polo que non o podiamos aplicar a toda a provincia, debido ao seu custo. Por iso encargamos un estudo e fixemos coa empresa o traballo de campo, analizando todo in situ. Foi así como escollemos as comarcas de Barbanza, Muros, Noia e O Sar. Unha zona accesible cunha poboación pouco numerosa, dun total de 130.000 habitantes, e onde o maior núcleo, Ribeira, ten 30.000. Ademais, aquí non había ningún tipo de plan de comercio, mentres que noutras zonas da provincia si existía.
-¿Que peculiaridades ten esta área en canto ao comercio?
-Unha vez iniciado o estudo, observouse que o sector comercial é un dos principais motores económicos desta comarca. E nos últimos anos, todo apuntaba a que isto ía en descenso. O obxectivo foi entón recuperar a fortaleza que tivo. Hai que ter en conta que a actividade comercial xurde principalmente nas feiras, e o estudo xa desprende que é fundamental facer centros de atención para os mercados, onde a xente acode con frecuencia. De feito, unha das principais liñas do plan é incidir na mellora dos mercados tradicionais, tanto os sedentarios como os non sedentarios. Os mercadiños non foron a menos, xa que non son só unha opción de compra, senón tamén de lecer.
-De feito, o lecer tamén é un sector reflectido no plan.
-O plan é basicamente comercial, pero no estudo dise que o público do que é preceptor o comercio é o mesmo que o do hostaleiro e o do turismo. As maiores zonas comerciais (Padrón, Noia e Ribeira) son tamén focos de hostalería e turismo, pese a que este está pouco desenvolvido na comarca. O sector comercial aínda ten hoxe unha grande importancia económica e social nesta zona e arredor del desenvólvense outras actividades de lecer. Tanto no mar como no interior, sempre houbo un intercambio tradicional e de feiras arredor dos produtos da zona, e iso foi o xérmolo deste crecemento económico.
-¿Contribúen as comunicacións ao desenvolvemento comercial?
-As comunicacións son bastante boas neste territorio e pódese dicir que non hai distancias. A autovía é unha infraestrutura que facilitou moito as cousas. Pero o importante é que inviten a mercar na propia comarca.
-¿Cando se pon en marcha o plan?
-Os primeiros pasos están dados e o plan xa empezou a andar. Hai unhas semanas que chegaron aos concellos as bases que regulan as subvencións para poder acceder a melloras nos mercados e mercadiños. Os concellos van propoñer e a Deputación escollerá. Hai de prazo ata o 30 de setembro. Ademais, está tramitándose o prego de cláusulas para sacar a concurso a xestión da oficina de comercio.