Volta á escola do pasado

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

O Faiado recompila nunha exposición pizarras, mapas, libros e outro material educativo de carácter histórico

13 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Viaxar á infancia para lembrar como era a escola do pasado e para comprobar a evolución que experimentou ata chegar á situación actual é a nova proposta que fai a asociación O Faiado. No seu local, abriuse o martes unha exposición de material educativo antigo. A maior parte pertence á propia asociación, pero tamén hai artigos cedidos por colaboradores.

Pizarras, cadernos, cartillas ou exemplares das coñecidas enciclopedias Álvarez forman parte desta colección que chega ata unha época máis ou menos recente a través de libros de texto de EXB: «Quixemos tamén darlle ao público mozo a oportunidade de reencontrarse coa súa época escolar», explicou a presidenta do Faiado, Luisa López.

Unha das pezas estrela desta exposición é un libro de Saturnino Calleja, publicado a finais da década dos oitenta. Trátase dunha especie de manual, no que aparecen diferente exemplos de cartas, facturas e outros documentos, que pretenden servir de modelo.

Como non podía ser doutro xeito, a colección de material educativo conta cun pequeno espazo dedicado ás Letras Galegas. O que máis chama a atención deste apartado é un dicionario galego-castelán de 1928, firmado por Leandro Carré Alvarellos.

Mesa redonda

Para complementar esta exposición, O Faiado decidiu inaugurala cunha mesa redonda, na que cinco persoas vinculadas co eido educativo narraron a súa experiencia como alumnos. A maiores, Carmen Fernández, Faustina Dieste, Manuel Dourado e Xoán Bautista Mariño; ofreceron a súa visión como mestres.

Pola súa banda, o ribeirense José Manuel Pérez Lustra fixo algunhas reflexións referidas ao libro A escola na memoria. Ribeira 1906-1956 , do que é coautor.

Os participantes na mesa redonda aproveitaron para facer unha análise da situación da educación actual, concluíndo que, aínda que hai máis medios, non se conseguen os obxectivos desexables. En canto ao futuro, sinalaron que todo indica que exposicións como a que estes días está no Faiado non poderán facerse dentro duns anos, xa que un pequeno ordenador será o único material que empreguen mestres e estudantes.

Tan interesante resultou o debate, que se prolongou ao longo de case tres horas, ata as once da noite.