O botellón, a exame en Boiro

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Especialistas de diversos eidos analizarán as causas e as consecuencias do fenómeno estendido entre os mozos

08 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

É unha realidade urbana que está cada vez máis presente na vida dos mozos e por iso o Concello de Boiro ven de aliarse coa Fundación Democracia y Gobierno Local para organizar unhas xornadas sobre o fenómeno do botellón. As charlas terán lugar entre o luns e o mércores e, ademais das causas e das consecuencias do consumo de alcol na vía pública, analizaranse outras cuestións como as drogodependencias e a violencia.

A inauguración das xornadas será o luns, ás 10.00 horas, e está prevista a asistencia do subdelegado do Goberno na Coruña, José Manuel Pose. Despois intervirá o profesor de Psicoloxía Clínica Xosé Antón Gómez, que fará unha introdución do tema a tratar.

Esta xornada inaugural completarase con dúas mesas redondas, unha na que se falará das causas do consumo de alcol e drogas, e outra que xirará ao redor dos efectos da adición a estas sustancias. Nos dous casos intervirán profesionais do eido sanitario, representantes dos pais e membros de organizacións dedicadas á prevención das drogodependencias.

A violencia xuvenil

O martes será un investigador da universidade de Granada, Miguel Ángel Cano, o que abra a sesión cun relatorio sobre a responsabilidade penal dos menores. Nas mesas redondas desta xornada falarase, por unha banda, da violencia familiar, do vandalismo e da seguridade cidadá. Está previsto que interveñan o presidente da patronal local, Carlos Rodríguez; o doutor en Psicoloxía Manuel Isorna; e varios representantes dos corpos de seguridade estatais.

O segundo dos debates estará dedicado ao consumo responsable de alcol e ás alternativas á inxesta de drogas no tempo de lecer. Entre os participantes están tres mozos representantes de Novas Xeración, Xuventudes Socialistas e Galiza Nova.

As xornadas concluirán o mércores. Para ese día está prevista unha intervención do avogado criminalista Francisco Blázquez, que falará da mediación como fórmula para a resolución de conflitos. Ao redor deste tema xirará tamén a mesa redonda posterior, na que intervirán o xuíz de menores e o fiscal xefe da Coruña, así como un avogado penalista. Pechará o ciclo o letrado Rafael Jiménez, que disertará sobre o redeseño das políticas de convivencia.