Leo na Voz de Barbanza do 29 de abril que non só non medramos en poboación comarcal, senón que diminuímos e, o peor, que avellentamos. Sendo así, se avellentamos, segundo os datos que dan, nunha proporción 25 veces maior que a cantidade de nenos que se incorporan a infancia, a este paso, todos calvos ou case a punto de estarmos, en profusa maioría, e non a moito tardar.
Polo que a nós nos parece -nisto estou con Olegario-, se é que botamos as contas (sempre segundo as contaron), será que dentro de sete anos, con 120.000 habitantes, dos totais que para entón se lle botan á comarca, podemos saber que destes xa temos asegurado, cando menos, un 41 % de poboación economicamente dependente, sen recorrer a outras cifras que sumen mais dependencias. E con todo, supoñendo que o 59% restante se corresponda ao total de poboación produtora- cousa que, por razóns obvias, é, de todo punto, imposible-, cada produtor terá, como mínimo, que traballar para el mesmo e para 1,4 máis dos individuos totais. Pero, a maiores, deberá suar tamén os salarios que cobren os pensionistas previstos. E, aínda así, pola causa que dixemos, non contamos coas supervalías varias, nin co que cobren os parados, por se para entón non cobran, nin cos soldos de funcionarios, prebendas de mandatarios nin con pagas de políticos. Pero, en fin, mellor, que sexa o mesmo Olegario quen nos diga o que pretende dicir:
«Pois o que digo é que non preciso eu deses cálculos que fas; e xa non só porque non son matemático e non me queira enganar, senón pola honestidade de non querer trabucar ás auténticas razóns da realidade que pretendemos contar detrás das cifras que das. Todos estamos de volta da zafiedade mental dos nosos representantes, que hoxe tanto se prodigan en restras de porcentaxes dende os eidos políticos, pretendendo a exactitude da falsa realidade que nos queren impoñer trabucando o que desexan en aquilo que non fan. Ademais o meu non é convencer, que para tal non me pagan, senón que o meu é só criticar ós necios polo que din defender, para non protexer nada».
«O que nos preocupa, deses datos que nos dan, son quen conforman o grupo do 28,5 % que entrará en 80 anos, tan próximos a morrer, seguidos de quen os han ir turnando. Porque é que, loxicamente, despois de que se produza o gran bum de enterramentos, estes han ir a menos co tempo. E que, o tal paso que vamos, á crise do capital seguirá a dos cemiterios. Polo que penso tamén que compre tomar medidas, antes de que esta nos chegue e, ademais, porque máis vale prever e que logo ninguén haxa que a negue e a empeore cando empece, como é que foi que xa nos pasou coa outra que estamos sufrindo agora».
«Pois non tanto por buscar un remedio a curto prazo, que nisto nós non estamos, ao non sermos do Goberno, penso que chegou a hora de dicir alto e claro: Despois da lei do aborto, ¿por que non da maternidade? Se debe haber igualdade -que, por un supor, para algo Zapatero creou un tal Ministerio-, a igualdade deberá ser para todos/as. O aborto é o nascitürus deberán ter, por dereito, o mesmo trato. Ou poñamos que non haberá igualdade, se é que as leis preventivas só protexen un dos casos. Que se o aborto é necesario, sexa ou non xustificado, se lle compete á muller, porque o xulgue conveniente como acto de liberdade intransferible ao que ten todo o dereito, sendo a dona de si mesma, non menos dereito ten a que tamén se lle garanta gozar do don natural de traer fillos ao mundo, por medio da lei de maternidade; lei que, ademais, será garante da continuidade da especie humana en Barbanza».