A pataca (Solanum tuberosum) constitúe hoxe en día un elemento fundamental tanto da nosa paisaxe como da nosa gastronomía. Non obstante, o máis famoso dos tubérculos é orixinario de Sudamérica, onde o pobo quechua outorgáballe o nome de papa . O termo actual patata provén da fusión do nome orixinal papa con batata , outro coñecido tubérculo, que ao chegar a Galicia derivou na forma actual: pataca.
A parte comestible da pataca é o tubérculo, que é un órgano subterráneo onde a planta almacena auga e nutrintes. Estes órganos sérvenlle á planta para resistir as épocas desfavorables, nas que a pataca se distingue por ser unha planta moi resistente, sobre todo cando hai xeadas. Na parte aérea da planta destacan as súas vistosas flores, polas que a pataca foi considerada nun principio como planta ornamental.
O pobo andino dos Tiahuaneco é o precursor no cultivo da pataca, que por aquel entón era unha planta silvestre moi estendida na cordilleira sudamericana. Xa no século XVI, foron traídas a España, concretamente a Sevilla, onde comezaron a cultivarse, sendo nun principio alimento unicamente de pobres e soldados. A pataca naqueles anos era considerada pola meirande parte da poboación europea como unha planta non comestible. Foi o famoso gastrónomo francés Parmentier, a finais do século XVIII, quen promoveu o seu consumo en Francia e, por extensión, en toda Europa.
Os principal compoñente da pataca, despois da auga, é o amidón. Trátase dun azucre complexo que supón a principal fonte de enerxía para a planta. O amidón constitúe tamén un dos elementos máis importantes na alimentación humana a nivel mundial. Ademais, presenta concentracións menores de potasio, magnesio, lípidos e varias vitaminas.
Outra propiedade destacada da pataca é, curiosamente, a súa toxicidade. Contén unha substancia chamada solanina que a planta sintetiza como defensa contra os herbívoros. Non obstante, este composto é eliminado pola calor, xa sexa mediante fritura ou cocción, e é necesaria unha dose moi alta a fin de que supoña unha ameaza real para o ser humano.
Os comedores de patacas deleitámonos cos mil xeitos de presentacións culinarias, dende os humildes cachelos ás receitas máis refinadas da alta cociña: chips, tortilla, puré, fritidas, cocidas, asadas, e así ad infinitum.
A pataca está fortemente ligada ao noso imaxinario colectivo; atopámola no mundo da arte - Os comedores de papas , de Van Gogh-, nas xogueterías en forma de Mr Potato e, quen non cantou algunha vez «arroz con chícharos, patacas novas??