A marea dorneira xa avanza

BARBANZA

Os peñeiros acordaron que a singradura sexa entre o 16 e o 24 de xullo. As sudaderias serán azul mariño

27 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que faltan case tres meses para que as fanequeiras se engalanen e o himno dorneiro resoe en cada recuncho da cidade ribeirense, a maquinaria da que será a 62 singradura xa botou a andar. Nunha asemblea celebrada o sábado, a primeira para a preparación dos festexos deste ano, os peñeiros acordaron decretar días de Dorna rachada os seguintes: 16, 17, 18, 22, 23 e 24 de xullo; quedando o baile de gala para o 31.

No encontro participaron case vinte mozos, en representación dunha ducia de peñas: Carallos de Rei, Muxo Beti, Os Serráns Máis Marráns, Arría o Jallo, As Javotas Van Jopas, Parrochas Papudas, Viquinjos da Tomasa, Longueiróns con Collóns, Os Mexillóns con Toxina Non se Comen, Ratos da Illa de A Tuna Nejra.

Entre os acordos que tomaron figura tamén a elección da cor das sudadeiras, o azul mariño. Por determinar está o deseño dos debuxos que lucirán tanto os xerseis como os carteis que se empregarán para anunciar as festas. Iso si, os artistas xa poden poñerse mans á obra, porque o que se decidiu foi abrir de forma inminente o prazo para a presentación das propostas. Os interesados poden facerlle chegar as súas obras aos directivos da Confraría. O obxectivo é poder elixir as ilustracións na vindeira asemblea.

Concerto o sábado

Os novos responsables da Confraría dorneira, capitaneados por Arturo González Mariño, demostraron na asemblea que xa levan un tempo traballando. De feito, deron a coñecer o cartel dun concerto que terá lugar este sábado na cidade. Será ás 19.30 horas cando os primeiro acordes empecen a soar no parque García Bayón. Polo escenario alí instalado desfilarán cinco formacións musicais: Generación Perdida, Pirufláuticos, Oito Ferrados, 3uMC e Ribeira Enferma.

Do mesmo xeito, a entidade tamén ten todo listo para empezar a venta de rifas para o sorteo dunha cea no restaurante Carreiro de Aguiño. Os boletos poden adquirirse nun bo número de comercios e bares de Ribeira. Son para o sorteo da Lotería Nacional do 24 de xullo.

Faltan case tres meses para que marea dorneira invada Ribeira, un tempo que a dirección da Confraría e os peñeiros terán que aproveitar para deseñar a preparar un programa de actividades que, coma sempre, se caracterizará pola orixinalidade.