A familia Amado chega á cuarta xeración de traballadores nun estaleiro co futuro garantido e a ilusión e o cariño por unha profesión hoxe modernizada
11 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Manuel David Amado, de 63 anos, conta como o negocio de construción naval que rexenta foi pasando de pais a fillos durante catro xeracións: «Comezou meu avó facendo barcos de vela, construíndo dous de 300 toneladas que foron para Vilagarcía. No ano trinta continuou meu pai, pero facendo embarcacións pequenas, de pesca e bateas. Eu empecei aos 14 anos e agora sigo co meu fillo; a min quédanme dous anos para xubilarme e el tomará o relevo», explica. Remóntase no tempo para contar como traballaban os carpinteiros da súa familia. Desvela que antes non había maquinas coma hoxe e cando empezou seu pai había 32 estaleiros.
O patriarca asegura que a tradición náutica en Muros data de moi antiga, «incluso fixéronse barcos para a armada invencible», conta Manuel David. As súas palabras deixan claro que a súa foi unha vida dedicada á construción naval, o que viviu moitísimas anécdotas das que recorda especialmente unha réplica da carabela de Colón: «En 1987 fixemos unha copia das carabelas para un tal Emilio Pena. Ese barco está agora en Filipinas; parámonos moito nel e tivo moitas visitas, incluso viñan autobuses escolares», conta Amado
Como calquera artesán, o pau desta historia lembra o primeiro buque que construíu el mesmo. Foi aos 20 anos, aínda que logo viñeron outros, «algúns feitos daquela aínda están hoxe no mar con 45 anos», recorda.
Relevo asegurado
Domingo Amado, o fillo, recoñece que goza co seu traballo. Foi alumno de seu pai, pero tamén do seu avó. Ao ter esta traxectoria pode falar con criterio de como cambiaron as cousas no sector e na empresa familiar: «A pesar de que as cousas cambiaron, a base segue sendo a mesma. Hai moito tempo que non se fai un barco de madeira e o traballo non é tan perfeccionista coma antes; as cousas van máis rápido, unha embarcación de 17 metros lévache hoxe uns cinco meses» desvela a acha.
Ao falar do cambio que supuxo a substitución da madeira ao poliéster para construción, o fillo conta que a madeira encarece moito o custo pero aínda querendo facela tradicionalmente tería complicacións. «Ademais de que a madeira encarece as embarcacións, non podo facer barcos deste material por que non hai quen teña os coñecementos. A xente nova non aprendeu cando había quen os ensinara», laméntase ao tempo que vaticina o que cree que sucederá no seu gremio: «O futuro do barco pesqueiro pequeno de quince ou dezasete metros é o poliéster», sinala.
Domingo Amado desvela que o que máis lle e gusta é facer barcos de pesca «pero tamén construímos lanchas de recreo tanto deportivo como profesional» e engade que construír barcos non é un traballo duro «é bonito».
As súas palabras denotan o apego que senten tanto o pai como o fillo por esta profesión, evidenciando o cariño que lles produce, a pesar da modernización do sector e o paso imparable do tempo no gremio.