A programación do Xacobeo arranca en Ribeira cunha exposición sobre os cinco camiños marítimos
06 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Coa apertura dunha exposición de paneis sobre os cinco camiños a Santiago que tocan a costa arrancou o pasado fin de semana en Ribeira a programación deseñada pola Consellería do Mar no marco do plan Portos Xacobeos. Neste conxunto de actividades a desenvolver ao longo de todo ano inclúense tamén concertos e conferencias e, no que a Barbanza se refire, afectará ademais de á cidade ribeirense, ás localidades da Pobra e de Rianxo.
A exposición, titulada Hai Camiño polo mar , está nas instalacións do club náutico, onde permanecerá ata o venres. Pode visitarse, entre as 19.00 e as 21.00 horas. Trátase dunha colección de paneis que conteñen información sobre cinco dos oitos camiños a Santiago, en concreto, aqueles que tocan a costa: o inglés, o de Fisterra-Muxía, o do norte, o portugués e a ruta polo mar de Arousa e Ulla.
A parada que estes días fai esta mostra en Ribeira non é a única programada para Barbanza. De feito, a colección recalará no auditorio rianxeiro no mes de maio, mentres que en xullo poderá verse na vila pobrense. Con ela, a Consellería do Mar pretende achegar aos cidadáns as instalacións portuarias distinguidas como xacobeas pola súa situación dentro dos diversos camiños de Santiago e por seren punto de referencia para os peregrinos.
Accións futuras
No marco deste programa, en Ribeira desenvolveranse outras tres actividades ao longo do ano. Así, este venres haberá unha conferencia a cargo do presidente da Fundación Camiño de Santiago, Celestino Lores Rosal, que falará a ruta xacobea Ría de Arousa. Será ás oito da tarde, no club náutico da cidade.
Outra das citas está fixada para o 31 de xullo. Será un concerto homenaxe á música dos setenta. A programación en Ribeira complétase con outra sesión musical, neste caso de estilo clásico, prevista para o 4 de setembro.
A colección de paneis que agora está en Santa Uxía recalará en Rianxo do 24 ao 30 de maio, estando prevista a intervención de Lores para o 28. Ao día seguinte serán as actuacións musicais.
Na Pobra repetiranse a exposición, do 10 ao 16 de xullo, e a conferencia, que serán no barco Hydria II. Ademais, o 10 serán tamén so concertos de pop e de música clásica, este último a cargo dun quinteto de metais.