Queixarse de vicio

BARBANZA

28 mar 2010 . Actualizado a las 03:00 h.

Don Ramón é un home feito a si mesmo, a quen non lle pode faltar o seu café, copa e charuto de cada tarde, dá unha esmola para as ánimas na misa de doce e foxe dos esmolantes que o asedian pola rúa coma quen foxe da peste.

Ós seus oitenta e pico de anos, aínda vai á empresa que fundou para ver se o fillo leva ben as contas. E cando alguén lle chega co conto da crise, do mal que anda todo e da moita xente que está no paro, el ten un culpable seguro: os vicios da mocidade.

-A xente estavos moi mal acostumada.

Para el, o único índice do progreso é o PIB, e o resto son contos de beatas, e se o PIB non sube toda a culpa é desa falta de vontade que os mozos teñen para querer saír do pozo; e non, como din os economistas, dos bancos nin das hipotecas nin da burbulla do cemento nin de ningunha desas andrómenas que anda contando quen non ten outra cousa que facer. «Aquí todos queren ter de todo sen domear o lombo» e daí veñen os empeños e todo isto que estamos vendo, ese querer mercar sen taxa nin límite ata que os petos non dan máis de si; e os bancos fan o que teñen que facer: prestar cartos e cobrar por eles, quéiralos para montar un negocio ou para mercar caprichos, coches, pisos ou vacacións no Caribe. E non lle digas ti a don Ramón que o PIB non mide a calidade do aire que respiramos, nin a educación, nin as prestacións sociais, nin a delincuencia, nin a pobreza, porque el replicará que o PIB di cantas son dúas máis dúas e o resto son contos.

Para don Ramón, o peor de todo é que se lle dea unha pensión ós parados. Para el, os subsidios só serven para criar vagos e malfeitores, porque, cando a necesidade aperta, todos procuran a solución, pero se se lles dá todo feito, o país non vai a ningures; teñen que traballar catro -entre os que el se conta- para manter a unha panda de ociosos.

Ós seus oitenta longos, don Ramón fala de como saíu adiante coa súa empresa de exportación de peixe, cando herdou unha leira e cos cartos que lle deron por ela mercou unha camioneta e pouco a pouco, ó cabo duns anos, xa tiña dúas mulleres traballando para el. Como logo, cando foi o tempo de empregar ós fillos, o home tivo a desgracia de que o segundo non fose moi espabilado, e daquela, cando tamén el pensaba que hai que axudar a quen o necesita, empregouno cun soldo que lle permitise vivir ben, por facerlle un favor a quen non facía nada, porque era o seu fillo e había que axudalo. E ese foi o seu error, segundo nos conta, porque con aquela axuda e con tanto proteccionismo, o rapaz nunca aspirou a máis que chegar o día da paga á oficina e pedir o seu cheque; o mesmo error que comete o Estado con tanto proteccionismo paternalista, como quere facer o Obama ese. ¿Non era USA o país máis rico e adiantado do mundo?, pois iso.

Don Ramón tamén di que, se o despido non fose tan caro, neste país acabaríanse as crises e o paro, quen quixera pan había de curralo e mirar ben mirado polo traballo que tiña, habería outro respecto para quen lle dá de comer, para o empresario. Se el gobernase acabaría con esa ralea de ociosos que só se preocupan de ir á oficina do Inem para saír co cheque de subsidio.

Don Ramón fala como un libro aberto, que a ver quen lle vai ensinar a el de que vai este mundo, a el que tivo que arriscar toda a vida para ter o que ten: unha empresa de corenta empregados, un fillo que a leva con man firme e outro que se dedica a malgastar todo canto cae nas súas mans por ser tan bo con el, que se fose hoxe quitáballe todas as prebendas e poríao a cargar caixas todo o día, para que aprendese a domear o lombo; que neste país, o que hai, é moito vicio, demasiado vicio.