ENSAIO
«DE MEMORIA. A FUERZA DE TIEMPO»
Manuel Varela Uña. Editorial Taurus (2009) 445 páxinas.
De memoria é a crónica de case un século de historia de España ao traveso da traxectoria vital do seu autor, Manuel Varela Uña. Este xinecólogo de orixe galega, moi vencellado a Noia por mor da propiedade dunha das casas máis sobranceiras da vila, a do Marqués, rememora as súas vivencias como alumno da Institución Libre de Ensinanza, a proclamación da II República, o estalido da Guerra Civil, o exilio en Suíza e Francia, a súa actividade como médico e como docente, e o seu paso pola Secretaría de Estado para a Sanidade, en plena Transición, que o levou a vivir o 23-F desde dentro do Congreso.
A súa pertenza a unha familia integrada na elite profesional e intelectual vai proporcionarlle ao autor, desde neno, o disfrute dunhas experiencias privilexiadas con viaxes pola América dos anos trinta, a Europa da acabada de rematar II Guerra Mundial, ou os anos de formación en Zurich. Personaxes como Cossío, Besteiro, Valle- Inclán, Marañón, Negrín, ou máis actuais como Entrecanales ou Jesús de Polanco aparecen neste libro para dar forma aos claroscuros da historia máis recente. Figuras galegas da talla de Castelao teñen tamén un oco para proporcionarnos detalles da súa vida: alumno de medicina do pai do autor, con quen incluso chegou traballar; foi tamén este xinecólogo quen asistiu a muller de Castelao no parto do seu único fillo, que morreu moi pronto; e tamén o que, con Ángel Baltar, médico de Rianxo, funda o Sanatorio Cirúrxico de Galicia, onde un dos pacientes operados vai ser o propio Castelao quen deixou testemuña, debuxada, dos seus recordos como doente, e algunha outra caricatura da época.