Saudable comezo do día

BARBANZA

Alumnos do Pilar Maestú da Pobra participaron nun almorzo saudable, comendo lácteos, cereais e froita

20 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Que o almorzo é a principal comida do día é unha afirmación na que especialistas e xente da rúa coinciden, pero se se comeza a xornada con produtos saudables, mellor que mellor. Co fin de inculcarlle aos alumnos este hábito, o colexio Pilar Maestú Sierra da Pobra levou a cabo onte una experiencia, consistente en que 23 escolares de primeiro ciclo colleran forzas para afrontar as clases con lácteos, cereais e froita.

A idea é que esta actividade, que se levou a cabo de xeito puntual grazas a unha subvención do Fondo Galego de Garantía Agraria, se traslade despois ás vivendas dos rapaces: «O ideal sería poder ofrecer este tipo de almorzos saudables no propio centro, pero carecemos de fondos para asumir os custes. Cremos que influiría positivamente, tanto na saúde dos nenos como nos seus resultados escolares», explicou o director do colexio, Vicente Vázquez.

Con este almorzo saudable, o Pilar Maestú puxo fin a unha serie de actividades que se viñeron desenvolvendo ao longo do último mes. Unha delas consistiu en distribuír unha peza de froita fresca todos os días, á totalidade dos alumnos do centro, co fin de fomentar o consumo cotiá deste alimento.

Accións didácticas

Como complemento deste programa, os estudantes do primeiro ciclo desenvolveron accións didácticas, como proxeccións de vídeos, elaboración de exercicios na pizarra dixital ou realización dun rexistro semanal para coñecer os costumes dos nenos no que á alimentación se refire. Tamén traballaron cun folleto que logo levaron para os seus fogares, de xeito que a información lle chegue tamén aos seus familiares.

Este amplo programa de actividades forma parte da Axenda 21 Escolar Galega, un plan no que o colexio pobrense está a participar por segundo ano consecutivo. No marco deste proxecto, o centro ten en marcha un servizo de recollida de aceite doméstico usado. De feito, hai unha tempada xa se elaborou xabón a base deste produto.

Vicente Vázquez destacou a dobre finalidade que se persegue con esta experiencia: «Por unha banda, queremos darlle saída a un tipo de residuo que na maior parte dos fogares acaba nas tubaxes e, por outra, pretendemos que os rapaces comproben como se pode reciclar o aceite e convertelo nun produto novo».