Branca fin de semana

BARBANZA

Os concellos de A Pobra e Ribeira uníronse para organizar unha viaxe á estación de esquí de San Isidro

26 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Con algo máis de medio cento de prazas dispoñibles e o día 19 de febreiro como data de partida, os departamentos de Deportes dos concellos de Ribeira e A Pobra organizaron unha viaxe á neve que permitirá ás persoas que se apunten gozar dunha branca fin de semana. Os responsables de ámbalas dúas concellerías, Miguel Ángel Vidal e Jesús Dieste, así coma o técnico pobrense Rubén López, presentaron onte os detalles dunha actividade dirixida tanto a iniciados no esquí coma a aqueles que queiran entrar en contacto con esta práctica deportiva.

A viaxe consistirá nunha fin de semana na estación invernal de San Isidro, en León, e os interesados xa se poden anotar -o prazo remata o 15 de febreiro- nas oficinas dos departamentos de Deportes dos concellos.

En canto ás condicións nas que viaxarán as persoas que se inscriban, os responsables da actividade indicaron que o desprazamento farase en autobús e durante a estancia en terras leonesas, entre os días 19 e 21, aloxaranse en réxime de pensión completa na casa de turismo rural e apartamentos La Picota e no hostal Tropezón.

Ademais, o prezo da excursión inclúe forfait en todos os casos, pero establecéronse tres tipos de tarifas en función dos servizos que demanden as persoas inscritas. Deste xeito, o paquete máis básico custa 122 euros, mentres que, se se inclúe o aluguer do material de esquí, o prezo chega aos 142. Por último, aqueles que ademais desexen recibir catro horas de clases para aprender ou perfeccionar a súa habilidade sobre a neve deberán aboar 162 euros.

Segundo explicaron os concelleiros pobrense e ribeirense, os prezos inclúen tamén un seguro de accidentes que cubriría os percances nas pistas.

Participantes

En canto aos destinatarios da actividade, poden inscribirse as persoas maiores de 18 anos ou ben menores que vaian acompañados dun adulto responsable. En total, están dispoñibles 55 prazas que se repartirán entre os dous municipios.

Por outra parte, segundo explicaron Dieste e Vidal, formarán parte da expedición dous monitores, un de Ribeira e outro de A Pobra, que se farán cargo dos participantes dos seus respectivos concellos.

Por último, subliñaron que os inscritos pagarán o aloxamento, o forfait e o aluguer do material, mentres que cada Concello corre cos gastos correspondentes ao transporte.