Pai e fillo traballan nunha moderna explotación mazaricana que ten unha cabana de 200 reses frisonas e aseguran que no seu oficio hai que pelexar
20 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Pese a estar atravesando o peor momento da súa historia son moitos os gandeiros que seguen a traballar coa mesma ilusión e paixón do primeiro día. Un do exemplo disto é José María Pereiro Cerbán e o seu fillo Esteban, que xunto co seu socio José Antonio forman a sociedade agraria de transformación Martínez Pereiro, unha moderna explotación mazaricana que produce anualmente más de 1,1 millóns de quilos de leite.
«Temos que traballar e loitar aínda con máis forza. Levamos moitos anos pelexando para poder vivir dignamente disto e está claro que non nos imos render ás primeiras de cambio. Levamos tantas crises sufridas que mesmo un se acostuma, desgraciadamente, a que as cousas vaian mal», apunta José María, que non agocha, sen embargo, unha verdadeira devoción polo mundo da gandería. Paixón que tamén transmitiu ao seu primoxénito, que aproveita todos os anacos libres que lle deixa o último ano de enxeñería técnica agrícola que cursa en Lugo, para botar unha man na granxa. «Sempre me gustaron as vacas e en xeral todo o que teña que ver coa agrogandeiría. Por iso decidín enfocar a miña formación por esa rama», sentencia Esteban, quen sinala o seu desexo de estar vinculado no futuro, de xeito profesional, ao mundo do agro.
A explotación destes mazaricanos, situada no lugar de Beba, ten unha cabana total de 200 reses frisonas, das cales muxen actualmente na volta de 110. Din estar ao borde da súa capacidade e mesmo utilizando os seus antigos establos para albergar as vacas secas e as xovencas. Esta granxa é o froito da unión de dous negocios que optaron por fusionarse antes de arriscarse a desaparecer por estaren pouco dimensionados e non ser competitivos. «Hai seis ou sete anos que decidimos xuntarnos con Fermino -alcume da casa de José Antonio, o outro membro da sociedade- e esa foi a mellor idea que se nos puido ocorrer aos dous. Se daquela non o fixeramos probablemente ningún de nós seguiría dedicándose agora a isto», comenta José María, que se desfai en eloxios cara o seu socio e a súa familia. «Somos socios, pero é como se fosemos irmáns. Compenetrámonos moi ben e iso aínda fai máis agradable este traballo. Tanto José Antonio como a súa familia son unha maravilla de persoas».
O futuro
En relación ao futuro que lle espera ao seu negocio e por extensión ao sector lácteo na comarca, nin pai nin fillo se atreven a facer conxecturas. «Ninguén sabe como será, pasaron cousas nos últimos anos que ninguén podía imaxinar», coinciden en sinalar ao tempo que din agardar un maior apoio por parte das Administracións para que os gandeiros poidan superar o mal momento que están a pasar. «Estamos cobrando o leite a un prezo inferior ao que nos custa producilo, circunstancia que resulta insostible durante moito máis tempo. Tanto Xunta de Galicia como ministerio teñen que poñer da súa parte para que os gandeiros poidamos conseguir unha renda digna que nos permita vivir do noso traballo. Hai que regular a relación coa industria e a distribución para que todos poidamos gañar e non sexamos nós sempre a parte máis débil da cadea», manifesta Esteban.