A Escola de Música de Rianxo fíxose cun novo premio na terceira edición do Certame de Galego de Bandas
01 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A agrupación da Escola de Música de Rianxo vén de sumar ao seu currículo un novo galardón no Certame Galego de Bandas, o cuarto das súas participacións nas tres edicións do concurso que se teñen celebrado. Nesta ocasión, a formación concursou nunha nova categoría, para conxuntos de entre 45 e 60 integrantes, e fíxose co segundo premio, que supón a consolidación da banda formada hai apenas seis anos.
Tralo terceiro posto da primeira edición e o primeiro acadado o pasado ano, os músicos rianxeiros volveron deixar o listón ben alto ao lograr un meritorio segundo lugar na sección segunda deste certame, que se celebrou o pasado domingo na cidade de Santiago de Compostela.
Este non foi o único recoñecemento obtido polos mozos da vila de Castelao -a idade media dos membros da agrupación non supera os 17 anos- no terceiro Certame Galego de Bandas de Música, xa que o xurado, presidido polo director da Banda Sinfónica Municipal de Madrid, Enrique Asensio, concedeulles tamén o premio á mellor interpretación de obra libre de temática ou autoría galega.
Compositor
Foi ademais cunha composición dun dos integrantes da banda coa que se fixeron con este galardón. Lembranzas do mar , unha obra para banda sinfónica, é unha creación do rianxeiro Antón Alcalde Rodríguez que a formación estreou o pasado maio no marco da homenaxe ás xentes do mar de Rianxo.
Ademais, este músico de apenas 17 anos converteuse nun dos protagonistas indiscutibles do concurso ao sérenlle entregados no mesmo acto os dous premios que obtivo o pasado outubro na segunda edición do Certame de Composicións Musicais para Bandas polas súas obras Pórtico e Marea negra .
Os responsables da Escola de Música de Rianxo destacaron que estes recoñecementos son froito da «ilusión, esforzo e vontade do traballo ben realizado» dos músicos e subliñaron o feito de que hai apenas seis anos que a banda botou a andar e que se trata de unha das formacións máis novas de Galicia.
A continuidade destes éxitos parece, pois, garantida nos vindeiros anos xa que os rapaces están a demostrar que o que lles sobra é talento e teñen aínda unha longa carreira por diante.