Obradoiros para quererse

Xoán R. Alvite

BARBANZA

Unhas vinte mulleres de Mazaricos participan nunha serie de actividades para mellorar a súa autoestima

14 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Sentirse ben por fóra é un paso importante para sentirse ben por dentro. Con esta máxima comezou onte en A Picota o primeiro obradoiro de desenvolvemento persoal que organiza o departamento de Servizos Socias do Concello de Mazaricos dentro do programa de actos cos que conmemora o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

As tres primeiras sesións estarán dedicadas a ensinar ás vinte mulleres asistentes distintas técnicas de maquillaxe e perruquería coas que sentirse mellor e potenciar o seu aspecto físico como forma de aumentar a súa autoestima. A perruqueira Silvia Pena, foi a encargada de explicar os distintos coidados que hai que aplicar ao cabelo para que estea san, os peiteados que máis favorecen en función do tipo de pel e dos rasgos físicos ou os champús e lacas máis axeitados para cada persoa e tipo de pelo.

«Queremos achegar ás mulleres unas nocións básicas sobre o desenvolvemento físico, psicolóxico e profesional que contribúan á súa mellora persoal, todo dende unha perspectiva de xénero. Será polo tanto unha contribución para a mellora da imaxe persoal e o desenvolvemento integral da muller. Como sabemos, a autoestima persoal depende da valoración sobre nós mesmos, é, polo tanto, o conxunto de pensamentos e sentimentos sobre a nosa forma de ser, a nosa valía profesional e tamén sobre o noso aspecto físico», apuntan Begoña Rial e Vanesa Cambeiro, psicóloga e educadora familiar, respectivamente, do Concello mazaricán.

As actividades que en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero leva a cabo o executivo local continuarán o vindeiro mércores coa clausura do obradoiro e con distintas actividades dirixidas aos escolares do municipio. Os cativos poderán asistir a unha obra de teatro e participar nun concurso de murais nos que o tema central será o da loita contra a violencia de xénero.

Encontro interxeracional

Xa pola tarde haberá unha charla que versará sobre a visión histórica da muller na arte e na cultura popular e un encontro interxeracional entre mulleres do concello, que contarán como foi a súa relación co xénero masculino nas distintas épocas que lles tocou vivir.

Para rematar, levarase a cabo unha solta de globos biodegradables de cor violenta que simbolizará o rexeitamento de Mazaricos á violencia contra as mulleres.