Os coidadores de persoas con demencia son os grandes esquecidos; para eles organizouse un curso en Rianxo
13 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Coidar a unha persoa con alzhéimer ou con calquera outro tipo de demencia require un sacrificio maiúsculo, sen embargo, moitas veces, esas persoas que practicamente entregan a súa vida para atender a un familiar son os grandes esquecidos e teñen que convivir con unha enfermidade que apenas coñecen sen ningún tipo de apoio nin recursos. Para que isto cambie, a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzhéimer (Agadea) imparte uns cursos dirixidos aos coidadores nos que os orientan sobre a atención aos pacientes. O último clausurouse esta semana en Rianxo.
A iniciativa tivo moi boa acollida por parte dos rianxeiros e unhas 85 persoas asistiron ás conferencias que se impartiron no auditorio municipal. Para as charlas, Agadea contou cunha ampla nómina de profesionais en distintos eidos para abordar cuestións que van dende a evolución e tratamento do alzhéimer ou os coidados de enfermería ante esta doenza ata a organización da vida diaria, a actitude da familia ante este trastorno ou as cuestións legais a ter en conta.
Pouca información
O abano de temas é moi amplo porque a información que reciben os coidadores é escasa. María Isabel Gey, presidenta de Agadea, recoñecía tralo curso en Rianxo que faltan apoios para as familias dos enfermos: «Unha das funcións máis importantes da asociación é chegar aos núcleos rurais, que é onde os coidadores están máis sos. É certo que nestas zonas a consellería está organizando cada vez máis actividades, pero segue a haber moita demanda».
En canto ao desenvolvemento do curso, consistiu nunha serie de ponencias que remataban nun coloquio no que os participantes tiñan a oportunidade de expoñer as súas dúbidas. Gey destaca sobre todo o apoio psicolóxico aos coidadores: «A xente participou moito, e eu creo que é porque estes cursos serven un pouco como grupos de apoio nos que cada un conta a súa experiencia. A xente necesita falar».
De feito, segundo a presidenta de Agadea, estas actividades formativas serven aos coidadores para contactar co psicólogo da asociación en busca de axuda.
En canto a próximas actividades no municipio rianxeiro, dependerán da dispoñibilidade do Concello, que é quen solicita estas accións formativas.