Estrea de Aguiño no teatro

BARBANZA

Na localidade ribeirense vaise celebrar por vez primeira unha mostra que inclúe catro representacións

31 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Por vez primeira, Aguiño vaise sumar á ampla relación de localidades de Barbanza que dan cabida a mostras de teatro. A asociación Francisco Lorenzo Mariño decidiu recorrer a esta expresión de arte dramático para conmemorar o cincuenta aniversario da constitución da parroquia. Será un ciclo con catro funcións, que se desenvolverán nos sábados de novembro.

A compañía Teatro de Cámara Dieta será a encargada de abrir a mostra o vindeiro fin de semana. Farao coa peza Acto imprevisto , unha comedia na que unhas limpadoras se atopan co desastre previo a unha montaxe teatral e van deixándose levar pola sensación de liberación que lles produce este máxico mundo permitíndose o luxo de soñar.

O sábado seguinte serán os actores de Ateac os que se suban ao escenario para representar Comedia bífida , tamén unha comedia que xira ao redor dun xuízo á lingua ou ao emprego que os galegos fan dela. O público ten que estar disposto a rir, pensar e soñar.

Actores da comarca

E como non hai dúas sen tres, tamén o 21 haberá unha comedia. Nesa ocasión serán os noieses de Candelexas os que aparezan tralo pano para poñer en escena unha peza que pode considerarse un clásico en Barbanza, posto que foi presentada en varias salas: Mellor ser can que vivir coma un can . Na obra, un executivo que está farto de traballar, toma a decisión de ser un can para sorpresa de mil e un personaxes que se atopan con el.

Tamén serán os noieses de Candelexas os que se encarguen de pechar esta primeira mostra de teatro de Aguiño. Será o día 28, coa obra A sombra do Tenorio . Neste caso, trátase dun drama no que un vello cómico, no derradeiro día da súa vida, fai un percorrido pola súa historia no teatro, ansiando ter sido por unha vez don Juan Tenorio.

Todas as representación terán lugar no conservatorio de Aguiño, ás 20.30 horas. O programa deste ciclo teatral foi dado a coñecer onte polos dirixentes da asociación Francisco Lorenzo Mariño, con Unai González á fronte. Destacaron a colaboración, nesta iniciativa, da Xunta, da Deputación, da Concellería de Cultura de Ribeira e do colectivo Ardora.

O día 28, coincidindo co peche da mostra, entregaranse os premios do certame de literario promovido pola entidade de Aguiño.