O teólogo Pedro Fernández Castelao está asentado en Madrid, onde desempeña o seu labor docente, pero, como bo galego, non perde de vista as súas orixes -¿Bota de menos Galicia desde Madrid? -A meus pais, meus irmáns, meus cuñados, meus sogros, meus amigos, Ribeira, Palmeira e Corrubedo. En Madrid estou moi contento, non teño nada de que queixarme. Confían e apostan por min. Se boto de menos a miña terra é porque non me conformo. Acábanme de nomear coordinador de Relacións Internacionais da Facultade de Teoloxía e isto ábreme a toda a realidade das universidades estranxeiras, polo que fico contento. Isto non exclúe o soño de ser, algún día, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que hoxe en día é un soño imposible. -Por certo, quen era Paul Tillich. -Teólogo luterano do século XX. Primeiro profesor non xudeu expulsado polo réxime nazi no ano 1933. Comecei a estudalo da man de Andrés Torres Queiruga. En Comillas especialiceime na súa obra, coa colaboración doutros profesores. En maio de 2009 defendín a miña tese de doutoramento sobre o seu pensamento. -Faga o favor de dicirme en poucas palabras o que lle indican estes nomes: Xoán XXIII. -Renovación conciliar. Sinxeleza evanxélica. -Xoán Paulo II. -Papa mediático e penso que auténtico porque cría no que facía. Excesivamente volcado cara os actos públicos masivos, mesmo desatendendo o goberno interno da Iglesia e pospoñendo, en certo modo, a renovación conciliar. -Benedicto XVI. -Intelectual fino. Fascinado por Agustín e Boaventura. Crítico coa modernidade e con tendencias conservadoras respecto do Concilio. -O cardeal Rouco Varela. -Ensinoume a rezar o Rosario nunha ocasión na que viñemos xuntos á parroquia de Ribeira. . -Ano Santo. -A catedral como faro aberto á espiritualidade de todo o mundo. A tradición medieval na que a Iglesia non se pecha nunca e ten sempre as súas portas abertas.