O cineasta Manuel Abad presentou no Ateneo de Ribeira a súa película documental «Flores tristes»
26 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Ateneo de Ribeira quedou pequeno antonte para dar cabida ás decenas de persoas que non quixeron perderse a oportunidade de ver a película documental Flores tristes de Manuel Abad.
Toñito de Poi foi o encargado de facer a presentación da cinta e do director, que tamén estivo no acto. «Fun á presentación de Santiago hai varios meses e ofrecinlle a Manuel que a trouxese a Santa Uxía», explicou o artista ribeirense.
O éxito do filme débese, en grande parte, a que aborda un tema que toca de preto a moitos galegos. Flores tristes é un documental sobre os asasinados en Galicia durante a Guerra Civil. «Todos os datos que aparecen son moi rigorosos e están comprobados por tres vías de investigación», engadiu Toñito de Poi.
A través das testemuñas dos familiares das vítimas, Abad reconstrúe as historias dos asasinados. «Está tratado dunha forma persoal, sen ira, sen rancor e sen ideoloxía. Non é un panfleto, é unha vista atrás do que pasou e non se contou dende a mirada dos seus protagonistas».
Actores da talla de Luis Zahera, Luis Tosar e Antonio Durán, entre outros, participaron no proxecto poñendo voz a documentos e textos oficiais da metade dos anos 30 de diferentes personaxes que estiveron relacionados coa represión. «O traballo de documentación levou máis de 4 anos e hai verdadeiras curiosidades que están recollidas en Flores Tristes, como unha carta de Camilo José Cela dicindo que se presta a delatar aos seus compañeiros», explicou Toñito de Poi.
Todas estas circunstancias fixeron que a acollida da película entre os ribeirenses fora moi boa. Tanto, que o próximo xoves ás 20.30 horas volverá a poñerse a cinta, segundo sinalaron dende o Ateneo.
Negociacións
A película de Manuel Abad estaba pensada para ser exhibida nos colexios, institutos e universidades, pero co cambio de goberno, este proceso de distribución paralizouse.
O cineasta está nestes momentos en proceso de negociación con distribuidoras para poder poñer a súa cinta nas librarías. «Se non se parara aquel proceso, eu non lle tería ofrecido que a trouxese a Ribeira. Esta é unha forma de apoialo no seu proxecto e de darlle folgos para que saque adiante o traballo».