Gris Arquitectos celebra o seu décimo aniversario cunha mostra fotográfica de algunhas das súas obras
22 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Co propósito de celebrar o décimo aniversario da posta en funcionamento de Gris Arquitectos, os dous socios da firma pobrense, José Antonio Gómez e Miguel Martínez Castro, prepararon unha exposición de fotografías de algunhas das obras que fixeron dende o ano 1999. O bar Locus Amoenus da Pobra foi o lugar elixido para a inauguración que tivo lugar o pasado venres. «Eliximos este local porque é unha das nosas obras. Ademais, recolle habitualmente exposicións de pintura e escultura», explicou Miguel Martínez.
«A mostra é unha selección, pero esténdese a todas as nosas obras», afirmou Martínez. E é que, en dez anos, realizaron máis de cen traballos de arquitectura entre edificios, vivendas unifamiliares, reformas e interiorismo. Para levar a cabo a selección, Miguel Martínez e José Antonio Gómez seguiron un criterio arquitectónico: «Escollemos aquelas coas que nos sentimos máis identificados».
Discursos
Nos seus discursos, houbo momentos para o agradecemento a clientes, amigos e aos tres delineantes que traballan con eles: «Juan, María e Eugenia tamén fixeron isto posible coa súa dedicación, esforzo e comprensión».
Empezaron, como recordou Martínez, no salón da casa dun deles con «dúas mesas e dous ordenadores». Despois de dez anos, teñen un estudo de arquitectura propio que tiveron que ampliar para facer fronte a todos os proxectos. «Agradecemos a confianza que depositastes en nós poñendo as vosas casas e negocios nas nosas mans», foron as palabras que dedicaron os arquitectos aos seus clientes.
As fotografías, colgadas nas paredes da segunda planta do Locus Amoenus, son instantáneas de dez obras que foron facendo ao longo deste último decenio. Cada fotografía ten un título que reflicte que, para estes pobrenses, a arquitectura é outra forma de arte. Farmacia en papillote de lousa con vivenda en marelo e gris , do ano 2003; Tronco tricolor recheo con lousa negra e madeira , do edificio A de Rosa, e Pezas de granito caramelizadas con cortén e lámina de vidro , duns adosados de Corrubedo, son soamente algúns exemplos do que poderán atoparse todas as persoas que se acheguen a gozar dun café ao bar situado na praza de Maura ata dentro de tres ou catro semanas.