Último alento para a Dorna

Celia Alfaya

BARBANZA

A loita en Internet para estar no ránking das sete mellores festas de España remata dentro dunha semana

16 sep 2009 . Actualizado a las 11:07 h.

Dez días. Ese é o prazo que ten a festa da Dorna para situarse entre as sete mellores de España. Nestes momentos ocupa o posto número 11 no ránking das 50 celebracións que loitan por estar no podio. Unha boa posición, pero non a mellor. Hai dous días, a célebre festa ribeirense que enche de actividades variopintas varios días do mes de xullo ocupaba o posto número 8, a mesma posición que tiña ao inicio da segunda etapa do concurso que tivo lugar a comezos do mes de maio.

Pero aínda non está todo perdido. Os que a estas alturas non votaran e queiran facelo, só teñen que entrar na páxina web www.7mejores.es para facer a súa elección. Tamén poden mandar unha mensaxe de móbil, pero esta ten un custo de 1,39 euros. Os que xa votaron, só poden estar atentos a como transcorre o concurso, xa que a organización, co fin de que os resultados sexan rigorosos, só admiten un voto por persoa.

Apoios

Dende a Real e Ilustre Confraría da Dorna deron a coñecer a iniciativa entre os barbanceses co fin de conseguir o maior número de apoios para a festa que eles organizan. Sen embargo, ao coñecer que a organización do concurso abriu a posibilidade de recoller votos por vía telefónica, desistiron, xa que non lles interesa que o concurso «sexa un negocio», afirmou Francisco Martínez, presidente da entidade.

Na páxina de Las 7 mejores , pódense ler comentarios de internautas que amosan o seu apoio á festa da Dorna. O debate está servido, xa que tamén existen comentarios en contra. Do mesmo xeito, na web están colgadas imaxes das actividades que se realizan, entre as que destacan o voo sen motor e o gran prix de carrilanas.

Competencia

A festa da Dorna nunca descendeu do posto número 11 dende que comezou o concurso, e iso que a competencia é moi dura. Entre as celebracións que se sitúan por diante destacan algunhas con tanto arraigo popular como as fallas valencianas, o entroido de Cádiz ou as festas de San Juan de Soria.

A nivel galego, a Dorna loita contra o Arde Lucus de Lugo que ocupa o posto número 4. Son as dúas festas da comunidade que conseguiron meterse nos primeiros lugares, xa que a seguinte que se pode atopar no ránking son as fogueiras de San Xoán de A Coruña, pero xa no 26.

O resultado do concurso darase a coñecer o día 27 -un día despois de que remate o prazo para votar- ás 22.00 horas a través da web. A competición chegou ao seu fin e agora toca aguantar e subir na lista. O que está claro é que o apoio prestado para que a Dorna estea entre as sete mellores foi intenso dende o comezo do concurso. «É o mellor premio que podemos recibir», afirmou Martínez.