Unha campaña para promover o condutor alternativo percorreu as localidades de Rianxo, Boiro e Noia
26 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«Libre de alcol». Esa é a máxima que a pasada fin de semana se espallou pola bisbarra no marco dunha campaña promovida pola Xunta para concienciar, sobre todo aos máis novos, dos riscos de coller o coche despois de tomar copas.
Na comarca, a iniciativa estreouse na vila rianxeira, onde ducias de persoas se sumaron a ela portando uns carteis amarelos coa expresión «libre» inscrita por un lado, mentres que no outro se promovía a práctica do condutor alternativo. A proposta consiste en que os grupos de amigos que adoitan saír polas noites se turnen para que cada día sexa un o que leve o coche sen probar alcol.
Isto non é nada novo baixo o sol, pero a forma de presentalo é, cando menos chamativa, e en Rianxo a xente que non tiña un deses carteis paraba pola rúa aos que si o levaban para preguntar de qué se trataba.
Eses rechamantes cachos de cartón non saíron da nada, senón que dúas mozas eran as encargadas de repartilos entre as persoas que enchían as terrazas. As rapazas eran as encargadas de ir informando á xente da campaña. O seu obxectivo: promover o 0% de alcol cando se conduce. E para conseguilo, ademais de falar coas persoas que atopaban no seu camiño, facendo especial fincapé nos mozos, colocaban carteis nos establecementos hostaleiros e repartían camisetas.
Outras vilas
En Rianxo comezou, pero a campaña estendeuse tamén a Boiro, principal punto da movida barbancesa, e a Noia, en plenas festas de San Bartolomeu. En ámbalas dúas localidades o procedemento foi o mesmo: parellas de mozos pasearon entre a doce da noite e as catro da madrugada polas rúas máis transitadas e polos establecementos hostaleiros máis concorridos para lembrarlle aos condutores a recomendación de non coller o coche.
E para que a mensaxe chegase ao maior número de persoas posible, tamén colocaron os carteis co inscrición «libre» nos vehículos estacionados. «Trátase de chamar a atención dos condutores cando vaian coller o coche», explicaba unha das mozas que participou na campaña.
Ademais, a iniciativa colouse tamén no Noitebús que completa o percorrido entre Padrón e Ribeira, colocando póster e facendo entrega dunha camiseta ao chofer de turno.