Nos 25 anos do pub outiense Tabasco pasaron polo local grandes músicos e actores xa consagrados
22 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O pub Tabasco de Outes conmemora o 25 aniversario da súa inauguración. Neste tempo ten rexistradas preto de mil actuacións en directo, nas que interviñeron artistas de procedencia diversa interpretando varios xéneros musicais, con especial incidencia do folk, o blues, o pop, e tamén canción de autor ou jazz. Ademais, cabe salientar a súa aposta polas representacións teatrais no propio local.
Á fronte do negocio atópase Manuel Lema Sieira, que xunto coa súa dona, China, segue apostando por manter o Tabasco aberto a iniciativas artísticas e á promoción de novos intérpretes. De feito, unha das notas máis características do local é que ofrece a posibilidade de que os artistas noveis teñan un escenario axeitado para dar a coñecer as súas propostas creativas.
O vindeiro día 28 terá lugar un gran festival de aniversario, nomeado Alalás, no que, ademais de estar invitados todos os intérpretes que nalgunha ocasión actuaron no Tabasco, terá un protagonismo especial o grupo folclórico local Doutesón, que vén destacando pola recuperación da música tradicional e as calidades interpretativas das mozas que o integran.
Artistas consagrados
Manuel Lema lembra que polo seu local pasaron a maioría dos integrantes da Nova Troba Cubana, que formaron parte da escola de Pablo Milanés e Silvio Rodríguez. Este último tamén estivo en Outes, e despois del actuaron no Tabasco Santiago Feliu, Fran Delgado e Jorge Batista, entre outros.
O xerente do pub Tabasco tamén destaca os concertos dos galegos Kin García e Alberto Conde, ou os dos grupos Cempés, Leilía, Pandeiromus e Rodrigo Romaní: «Nós chegamos a ser un referente galego na oferta de música en vivo e, a base de constancia e ilusión, queremos seguir nese camiño, ofrecendo a posibilidade de que novos artistas se dean a coñecer e brindando aos clientes o goce da súa música», comenta.
Pero neste pub outiense non só se oferta música, xa que tamén o teatro ten un espazo propio. Así, actores galegos hoxe consagrados, como Víctor Mosqueira, Evaristo Conde, Miguel de Lira ou Quico Cadaval, son algúns dos persoeiros que presentaron parte da súa obra no Tabasco. Xunto a eles, outros grupos e contacontos, son habituais na sala outiense.