Trinta rapaces de entre 3 e 17 anos participaron nunha exhibición de taekuondo na praia de Río Sieira
18 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Darlle un pouco de vida á localidade con outro deporte ademais do fútbol foi, en palabras de Osiris Romay, o obxectivo da exhibición de taekuondo que tivo lugar o sábado na praia de Río Sieira.
Trinta nenos de entre 3 e 17 anos participaron na actividade que Romay organiza cada ano. «Facemos a demostración polas festas do pobo dos días 15, 16 e 17 do mes de agosto», explicou o organizador e tamén profesor dos rapaces.
Para dar a coñecer en que consiste o deporte, os máis pequenos fixeron unha demostración técnica máis unha serie de volteretas. «Foi algo moi sinxelo porque aínda están comezando, pero fíxolles moita ilusión», explicou Romay. Os rapaces de entre 6 e 12 anos realizaron unha coreografía con movementos típicos do deporte e rompementos de táboas de cortiza.
Ao final do espectáculo, os maiores fixeron unha demostración de técnica, de varas, defensa persoal e rompementos de táboas de madeira. «Dan moito de si se os apoias e os presionas. Fixeron un traballo magnífico», afirmou orgulloso Romay.
Ao longo de todo o ano, inclusive durante as vacacións, desenvólvense as clases de taekuondo na casa de cultura de Caamaño, en Porto do Son, ás que acoden os cativos a coñecer o deporte e a iniciarse na técnica. «Todo o mundo sabe que o taekuondo é combate e técnica, pero tamén ten outras cousas, como vara e rompemento», explica o profesor.
Este ano supuxo un importante incremento no número de rapaces que se anotaron ás clases. «Para ter nenos de menos de 6 anos hai que ter boa man e algún material deportivo, pero presentamos o proxecto na escola e a resposta foi moi positiva», explicou o profesor.
Boa acollida
Máis de 200 persoas acudiron a ver a exhibición que tivo lugar na praia de Río Sieira. O bo tempo que caracterizou á fin de semana, xunto coa disposición do tapiz no areal, fixo que se incrementase o número de espectadores. «É unha maneira de enganchar á xente. Moitos cativos que miraban dicíanlle aos pais que querían anotarse», dixo Romay.
Os nenos que participaron na actuación continúan coas súas clases ao longo do verán porque, como explicou o profesor, «se dás vacacións, ao volver case perdes dous meses en coller o ritmo de ensinanza».