A hostalería fixo que estas dúas mulleres estean vinculadas non só polos seus lazos familiares, senón tamén polo traballo que desenvolven
26 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«Non sei se é o destino, pero sempre acabo nun bar», estas palabras teñen moito sentido na boca de María Salvante, pois non en van ela é hostaleira, filla de hostaleiros e nai de hostaleiras; mesmo os seus sogros tiñan unha taberna na Graña. Con eses antecedentes non é de estrañar que a idea de abrir unha cervexería se presentase de maneira tan espontánea na mente da súa filla Sonia, que inaugurou o seu negocio en outubro do 2007. Dende entón, as dúas traballan xuntas a diario, a filla na barra e a nai na cociña, salvo os martes, que son día de descanso.
«Cando eu era nova traballábase todo o que se podía. Abrías o bar ás nove da mañá e pechábalo ás dúas da madrugada, e ao día seguinte o mesmo conto. Agora a miña filla lévao máis relaxadamente, con camareiros e todo», comenta María, que se estreou detrás dunha barra cando era unha rapaza. Os seus pais montaron unha taberna na súa aldea, San Román, no Val do Dubra, cando ela tiña 12 anos e alí foi onde se afeccionou a tratar cos clientes e a desenvolverse entre botellas, vasos e fogóns.
E tan ben se desenvolvía que cando se trasladou a Aguiño, xusto antes de casar, seguiu a ser camareira, precisamente no mesmo bar que agora é doutra das súas fillas, Montse, coa que rexentou durante seis anos a cafetería do Liceo Marítimo de Ribeira.
Sen embargo, co matrimonio chegaron os fillos e, ata que foron maiores, María aparcou a bandexa e o mandil: «Botei de menos traballar. Eu son moi activa e faladora, gústame estar sempre facendo cousas», explicou a muller.
Sonia herdou da súa proxenitora o gusto por conectar coa xente, tal como ela mesma recoñece: «É o mellor deste traballo. É moi bonito ter clientes habituais aos que xa nin lles hai que preguntar qué queren».
Semellanzas
Outro aspecto que teñen en común é que ambas casaron con homes de mar. pois O pai de Sonia era mariñeiro e o seu home buzo, aínda que o primeiro xubilouse nos barcos e o segundo cambiou o traxe de neopreno por un mandil: «Abrimos o bar para que o meu home traballase tamén nel e estar máis tempo xuntos, por que el estaba sempre fóra da casa», conta Sonia, que antes tiña unha tenda de roupa.
Sen embargo, non todo son semellanzas: Sonia entusiásmase traballando baixo presión, co bar cheo de xente: «Nin sequera penso nos cartos que entran na caixa. Penso en que todas esas persoas elixiron o meu local e teño que atendelas ben». María, sen embargo, refúxiase do barullo na cociña, onde se sinte ás súas anchas preparando as tapas: «Son cousas da idade», xustifica.
Os seus moitos anos no negocio, sen embargo, permítenlle aconsellar a Sonia: «Cos seu pequenos comentarios e xestos do día a día vaime guiando», di a aludida.
«Un bar é un negocio onde ti te sacrificas para que os demais o pasen ben», sentencia María que, a pesar de todo, pasou a vida neles.