As novas instalacións da sala rianxeira inauguraranse mañá despois dun ano e medio de obras de ampliación
23 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Rianxo descubrirá mañá a nova cara da Aula Activa do Mar, despois dun ano e medio pechada por reformas. Os albaneis están ultimando os preparativos para o acto de inauguración, que terá lugar mañá, ás 20.30 horas, e contará coa presenza do alcalde, Pedro Piñeiro, e outras autoridades municipais. Ademais, a pesar do tempo que permaneceu pechada, a sala conserva a súa bandeira azul, que será tamén izada durante a inauguración.
As obras tiñan por obxectivo aumentar o espazo dedicado ás actividades cunha nova planta con tres salas de usos múltiples para exposicións temporais, que se fan ao longo de todo o ano, e obradoiros de distintas materias relacionadas co mar, que este ano comezarán a partir de setembro. Ademais, tívose en conta a necesidade de adecuar o espazo ás persoas con discapacidade mediante a colocación dun ascensor.
As novas instalacións están preparadas para acoller calquera tipo de acontecemento, desde talleres ata reunións, e poden ser usadas por calquera institución ou asociación que o solicite, aínda que a prioridade será para aquelas relacionadas co mundo marítimo ou o medio ambiente.
Uns 300.000 euros
O orzamento destinado ás tarefas de mellora roldaba os 300.000 euros, que foron sufragados pola antiga Consellería de Pesca e outras subvencións provenientes da Consellería de Medio Ambiente e a Deputación provincial.
Por outra banda, manteranse todas as actividades permanentes da Aula Activa, de carácter educativo e encamiñadas ao coñecemento das artes de pesca, os barcos e o medio mariño, aínda que se lle engadirán novos paneis á exposición, que quedará na planta baixa. As visitas de escolares tamén se renovarán no vindeiro curso.
De momento, só unha das tres dependencias que se estrean está ocupada, xa que as outras non teñen uso programado. Trátase da que acolle unha mostra fotográfica titulada Illa de Ons: Unha cultura unha identidade, obra de Stefan Mörling, un antropólogo sueco nomeado fillo adoptivo de Bueu. Mörling visitou por primeira vez Galicia nos anos sesenta e, froito desa viaxe, escribiu varios estudos publicados en galego sobre as embarcacións tradicionais de Galicia. A exposición estará aberta quince días.