Os gravados dunha colección de debuxos que Poussin fixo para o museo de París poden verse en Ribeira
17 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Á interesante exposición de heliogravados de Vincent Van Gogh que dende o pasado mes de abril pode verse na Fundación Museo de Artes del Grabado a la Estampa Digital de Artes ven de sumarse outra colección espectacular. Trátase das litografías que Jean Pesne fixo a partir dunha colección de debuxos ideada polo mestre do barroco francés Nicolas Poussin por encargo do Louvre.
Son 19 obras, en branco e negro, nas que se representa a Hércules, o fillo de Zeus, e os doce traballos que se viu obrigado a realizar por encargo do rei Micenas como penitencia. Entre estas accións sobrenaturais que Poussin reproduciu atópanse matar ao león de Nemea e á hidra de Lerna, limpar os cortellos de Augías nun día, capturar o toro de Creta ou roubar as mazás do xardín das Hespérides.
Os traballos orixinais que Nicolas Poussin fixo para o museo de París foron despois gravados por Jean Pesne, e son precisamente estas litografías as que poden verse na sala ribeirense, onde está previsto que permanezan ata finais de agosto. A retirada desta exposición coincidirá tamén coa clausura da colección de traballos de Van Gogh.
Traballos do Atlante
Os responsables do museo de Artes xa teñen claro cales serán as obras que colgarán das paredes das instalacións nun futuro próximo. De feito, está previsto que xa o vindeiro mes se abra ao público unha nova exposición, a de obras presentadas ao certame internacional de gravado Atlante, promovido pola a sala.
Amosaranse en total medio cento de traballos, xa que ademais dos gañadores fíxose unha selección das mellores litografías que concorreron ao concurso. A inauguración da mostra, prevista para o 18 de xullo, coincidirá coa entrega dos galardóns do certame.
Tamén ao longo do verán, os responsables da fundación confían en abrir ao público unha colección de obras sobre as mulleres do antigo e do novo Testamento. Neste caso, a data de inauguración está pendente do Arcebispado de Santiago, xa que o obxectivo é que representantes deste órgano estean presentes no acto.
Pola calidade das exposicións que están a recalar no museo de Artes, esta sala estase a converter nun referente a nivel galego a pesares da súa curta vida, xa que empezou a súa andaina hai só oito anos.